O Camiño Marítimo a Santiago pola Ría de Muros Noia espállase en Venecia

ran acollida do novo catálogo de peregrinacións marítimas do Camiño Marítimo a Santiago pola Ría de Muros Noia entre representantes de axencias de viaxes e operadores turísticos do norte de Italia, brokers náuticos e de portos deportivos do Adriático, incluso de países como Eslovenia ou Croacia. O Palazzo Ferro Fini (Venecia), sede da Presidencia do Consiglio Regionale del Veneto, acolleu a primeira presentación internacional deste novo e interesante produto turístico, que espertou un gran interese non só entre as autoridades presentes senón tamén entre os representantes do mercado turístico veneciano, un sector moi interesante para a Ría da Estrela pola súa ligazón á navegación, en xeral, e á viaxe dun dos seus ilustres navegantes, Pietro Querini, en particular.
“Viñemos presentar dúas primicias a nivel europeo: o resultado da investigación para determinar o percorrido preciso de Pietro Querini desde o porto de Muros ata a catedral de Santiago de Compostela no ano 1431 e, en segundo lugar, un proxecto turístico desenvolto a partir deste estudio, a peregrinación marítima a Santiago seguindo os pasos de Pietro Querini”, anunciou Santiago Freire, presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e da Ría da Estrela, despois de reunirse co presidente do Consiglio Regionale del Veneto, Roberto Ciambetti, e participar nunha mesa de traballo con distintas autoridades da rexión.
Freire Abeijón fixo fincapé en que este “é o noso primeiro acto de presentación a nivel internacional. Agardo que o vento nos sexa favorable porque este ano agardamos facer dous máis en portos do Atlántico: un en Irlanda e outro na costa francesa. Pero quixemos presentar esta primicia en Venecia porque estamos convencidos de que Italia é un mercado moi interesante para as nosas peregrinacións marítimas”. Unhas presentacións enmarcadas dentro do proxecto “Rutas Xacobeas na Costa Sostible”, financiado polo GALP Costa Sostible a través dos fondos europeos FEMPA.
Produto turístico baseado na peregrinación de Querini
Un interese que confirmou Sebastián Valverde, técnico da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e da Ría da Estrela, quen explicou que “a historia moderna das peregrinacións a Santiago comeza en 1990, pero ata 2025 non se planteara en Galicia como desenvolver e xestionar as peregrinacións marítimas como produto turístico. É, polo tanto, unha primicia dentro do noso país e nela xoga un papel esencial a peregrinación de Pietro Querini”. Así, explicou que “en xaneiro lanzamos a nosa idea de rutas de peregrinación marítima e, dende entón, pasamos de 1 a 4 operadores que queren traballar, promocionar e vender as rutas de peregrinación a Santiago tras o pasos de Querini”. Os 4 operadores son Sailway, Julio Verne Náutica, Monte Real Club de Yates de Baiona e ASNAUGA.
Novo paso cara o recoñecemento da Vía Querinissima
O presidente do Consiglio Regionale del Veneto, Roberto Ciambetti, puxo en valor o traballo realizado pola Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e cualificou a documentación entregada por Santiago Freire como “un novo paso no recoñecemento da Via Querinisima como itinerario cultural europeo”. “Hoxe presentamos unha parte do itinerario da Via Querinisima en Galicia: o que conta como Querini e a súa tripulación chegaron a Muros, onde se detivo no seu camiño para peregrinar a Santiago de Compostela”, expuxo Ciambetti diante de autoridades, representantes do mercado turístico, institucións culturais e medios de comunicación de Venecia, “un proxecto realizado pola Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e que vincula a Vía Querinisima cun Camiño Xacobeo, un encontro entre dous camiños culturais que demostra como a colaboración entre entidades e institucións de distintos países poden forxar acordos culturais sólidos. Sobre estas bases debemos construír a Europa á que aspiramos”.
Neste sentido, Roberto Ciambetti destacou a historia de Pietro Querini “como precursora da Europa de hoxe e unha valiosa lección sobre o que durante moito tempo agardamos que se puidera lograr: unha unión que non sexa so económica, senón tamén cultural, sendo conscientes do noso patrimonio cultural compartido que vai máis aló das fronteiras nacionais e revele as nosas raíces comúns”.
Unha afirmación que compartiu Santiago Freire, para quen “se hai un lugar no mundo para falar de historia, navegación, comercio e turismo, ese é Venecia. Hoxe, desde un extremo de Europa, desde a Ría de Muros Noia, vimos falarvos dunha parte da nosa historia, que compartimos e estamos poñendo en valor desde a Asociación Via Querinisima: a presencia do navegante veneciano Pietro Querini no noso territorio”.
Así, Sebastián Valverde confirmou que “o Camiño da Ría de Muros Noia está sinalizado e identificado cun elemento extraído do mapamundi de Fra Mauro para representar a convivencia desta ruta xacobea e da Via Querinissima. É dicir, neste momento a Via Querinisima ten un itinerario terrestre de 73 quilómetros”. Unha afirmación que foi moi ben acollida pola directora da Asociación Via Querinisima, Nicoletta Martorana.