Mércores. 11.09.2024
El tiempo

O Camiño a Santiago da Ría de Muros Noia continúa sumando apoios internacionais en Noruega

Camino Ria de Muros e Noia
O Camiño a Santiago da Ría de Muros Noia continúa sumando apoios internacionais en Noruega

Segue medrando o Camiño pola Ría de Muros Noia. Desta volta viaxará ata a localidade de Bodø, na rexión de Nordland (Noruega), onde se celebrará o próximo mes de xullo os “Via Querinissima Days”, unhas xornadas dedicadas á figura de Pietro Querini, navegante veneciano que a mediados do século XV fixo unha viaxe dende a illa de Creta ata o Círculo Polar Ártico durante a que deixou perfectamente documentada unha peregrinación de Muros a Compostela.

Un evento no que participará a presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Teresa Villaverde, xunto ao director artístico da Escola de Danza Oitos (Noia), a súa coreógrafa, Vero Martínez, e a bailarina principal, Antía Queiruga.

Isto é así porque a Escola de Danza Oitos, co apoio da Concellería de Cultura de Noia, desenvolveu unha obra inspirada na viaxe de Pietro Querini. Un traballo que espertou o interese da Regione del Veneto, que acordou sufragar os gastos para trasladar a Bodø aos directores da escola noiesa e á alumna Antía Queiruga, quen realizará dúas actuacións durante as xornadas: o xoves 18 de xullo, ás 12:30 horas, e o venres 19 de xullo, ás 17:30 horas.

DanzaNoia
A presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Teresa Villaverde, e o concelleiro de Cultura de Noia, José Pérez, mantiveron un encontro con Antía Queiruga e con Vero Martínez, coreógrafa da Escola de Danza Oitos,

Os artistas noieses estarán acompañados por Teresa Villaverde, quen participará na Asemblea Anual da Asociación Vía Querinisima, da que forma parte a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia. Así mesmo, tomará parte nas reunións cos representantes dos organismos públicos e privados que integran a Asociación para analizar os avances na candidatura conxunta da Via Queirnissima a itinerario cultural europeo do Consello de Europa e as accións culturais e promocionais que se organizarán en toda Europa.

Entre esas accións culturais destaca, precisamente, a estrea do espectáculo de danza baseado na historia do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia, que terá lugar o próximo outono en Compostela.

Finalmente, durante a súa estancia en Bodø, Teresa Villaverde ten previsto reunións para analizar o estado do proxecto de rehabilitación do itinerario de Pietro Querini en Galicia, que coincide ao 100% co traxecto do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia.

Comentarios