Xoves. 25.04.2024
El tiempo

As catro mulleres que optan á alcaldía de Muros

4 mulleres candidatas á alcaldía de Muros
María Xosé Alfonso (CxG), Inés Monteagudo (PP), Caridad González (PSOE) e María Lago (BNG), as 4 mulleres candidatas á alcaldía de Muros
As catro mulleres que optan á alcaldía de Muros

A pesares de que a presenza da muller incrementouse na política nacional nos últimos tempos, no ámbito local a porcentaxe destas segue sendo inferior ao dos homes, sobre todo nos primeiros postos das listas ás alcaldías. Como en todo, sempre hai unha excepción que confirma a regra.

En Muros, son catro as mulleres as que optan á alcaldía nos próximos comicios do 26 de maio. Unha situación que en Galicia só se repite en Allariz, Moeche, Oímbra e Vilariño de Cons.

Falamos con María Xosé Afonso Torre, de CxG; Inés Monteagudo Romero, do PP; María Lago, do BNG e Caridad González, do PSOE.

  1. Presenza da muller nas alcaldías

BNG: “Ninguén se alporiza porque Mazaricos, Carnota ou o Son vaian escoller entre homes, pero en Muros chegamos a escoitar que había que ter paridade entre as cabezas de lista” ,BNG

PP: “É certo que o feito de que en Muros sexamos catro mulleres as que lideramos as candidaturas chama a atención, o que indica que esa visibilidade non está tan asumida como debería pola sociedade e os medios de comunicación. Se fosen catro homes os que encabezaran as candidaturas probablemente ninguén se sorprendería”

CxG: “Parece ser que si, que somos a excepción que confirma a regra”, María Xosé Afondo

  1. Plans de igualdade para Muros

BNG: “A igualdade entre homes e mulleres é transversal en todo o noso programa, pero como medidas concretas podo nomear a loita contra a violencia machista a través dun protocolo coordinado dende o concello que garantía a atención á vítima por profesionais formados en esta materia, a reactivación da casa de acollida, a promoción e protección do emprego feminino, a promoción da contratación en igualdade. Teño que nomear tamén a axuda aos coidados de persoas dependentes e a creación de máis prazas públicas en escolas infantís, pois non podemos pasar por alto que na maioría dos casos é na muller sobre quen recaen estas tarefas , limitando así a súa vida laboral.”

PP: “Acadar a igualdade é un traballo constante, e que require dunha actitude vixilante por parte da administración: desde a elaboración da propia RPT do concello, os orzamentos e bases de execución, que deben incorporar unha perspectiva de xénero, a formación, a colaboración con colexios e entidades, as campañas de difusión de actividades, ....en calquera faceta da vida hai algún compoñente no que se pode traballar pola igualdade, descubrilo, ver como afecta, e enfocalo de tal xeito que incorporemos a perspectiva de xénero ten que ser un traballo diario desenvolvido por un profesional de igualdade, que debe existir en todas as administracións.”

CxG: “En Muros xa hai un plan de igualdade e un CIM funcionando e, ademais das actividades específicas que se veñen facendo en torno ao 8 de marzo e ao 25 de novembro, trabállase en igualdade durante todo o ano, e continuarase traballando transversalmente con todos os sectores de poboación.”

PSOE: “No Partido Socialista somos claros defensores da igualdade e dos dereitos das mulleres.  Nos nosos programas sempre van medidas destinadas a muller, e cando gobernamos fomos quen de crear en Muros, a casa de acollida para mulleres maltratadas;  priorizamos o emprego das mulleres maltratadas cando nos estaba recollido na Lei, e prestamos servicios tanto sociais como xurídicos gratuítos xa desde o ano 1997.”

3. Proposta para ampliar a oferta municipal de emprego

BNG: “Traballaremos tanto por conseguir que as empresas afincadas no noso concello perduren, como pola creación  de novos negocios. Entre as medidas que propoñemos neste eido atópanse axilizar as licenzas de apertura ou a creación dun viveiro  de empresas, así como a promoción dos produtos locais e a defensa dos sectores produtivos. Ofreceremos programas de formación enfocados ás distintas empresas que axuden ao seu crecemento.”

PP: “A creación de emprego pasa si ou si pola reactivación económica. Non se pode crear emprego si non hai actividade económica. A oferta de emprego municipal non vai ser suficiente para atender á demanda existente, aínda que se levantaran ás restricións á contratación de persoal. A creación de emprego público é necesaria, xa que hai moitos servizos deficitarios en persoal, pero non suficiente. É preciso polo tanto favorecer a implantación de empresas e autónomos, a través da formación, da simplificación administrativa e da incentivación económica. En todos eses factores o concello pode adoptar medidas que aínda que non sexan decisivas sí poden ser determinantes, medidas ás que se lle poden incorporar indicadores para avaliar a súa efectividade e repercusión real.”

CxG: “Seguiremos contratando ás empresas locais sempre que a nova lei de contratación nolo permita e seguiremos, así mesmo, axudando ás empresas que se queiran poñer en marcha no noso concello con asesoramento e axuda na tramitación e consecución das autorizacións necesarias”

PSOE: “No noso programa levamos o apio os emprendedores, a creación de aulas de formación, o apoio os empresarios e hostaleiros, dando facilidades para o fomento do emprego e sobre todo fixar os negocios e os servicios existentes no concello, que agora mesmo e o problema mais grande... o peche dos negocios”.

4. Medidas concretas para a economía local

BNG: “Se alguén promete que vai traer inversión de fóra está mentindo descaradamente, por desgraza a día de home seguimos tendo unha comunicacións moi deficientes que restan atractivo a grandes empresas, por iso avogamos pola promoción local, aínda así, os mesmos beneficios que ofreceremos ao sector local ofreceranse aínda  que a inversión  non proveña do noso  concello. A pesar disto, sabemos que hai sectores para os que a comunicación física resulta secundaria, e será ese eido o que potenciaremos".

PP: “Para o noso concello captar investimentos produtivos ten que ser unha prioridade, vainos o futuro en conseguir crear actividade económica e emprego. O concello ten que asumir neste sentido un papel pro-activo, unha posible fórmula é adherirse á plataforma de Concellos emprendedores (Concellos doing business Galicia) , posta en marcha pola Xunta de Galicia, para o que hai que modificar as ordenanzas do IBI, IAE, ICIO, e diversas taxas, e comprometerse a resolver as solicitudes nun prazo máximo de 30 días. Esta adhesión supón ademais ter prioridade no acceso a un número importante de axudas".

CxG: “Ademais das actividades relacionadas co turismo e co mar, hai outros sectores moi importantes que promocionar, por exemplo, as actividades relacionadas co monte, actividades formativas e de promoción da aparición e mantemento de todo tipo de PEMES, e con especial importancia as actividades e empresas relacionadas coa conciliación laboral e familiar,  coidados de persoas maiores ou enfermas dependentes e de nenos e nenas de 0 a 3 anos...”.

PSOE: “E sabido que desde o PSOE sempre apostamos pola promoción do noso concello; en concreto ca asistencia a feira de turismo de FITUR, onde se firmaron multitude de contratos, tanto turísticos como promocionais e onde presentabamos as posibilidades do noso concello. O Goberno do PSOE, estaba en negociacións co Solo Industrial do Atlántico para poder ofrecer solo os emprendedores a prezos e condicións atractivas. Traballaremos para que desde a Xunta de Galicia se desenrole canto antes a variante da C-550, que deixamos debuxada no Plan de Estradas co Goberno de Emilio Touriño,  por considerar que un dos maiores atrancos para o crecemento de Muros, son as vías de comunicación".

5.Medidas contra a estacionalidade do turismo

BNG: “Tentaremos elaborar un calendario  cultural coa axuda de todas as asociacións para expandir a oferta ao longo dos 12 meses do ano, promoveremos distintas actividades turísticas que saquen o foco de atención da época estival, como a recuperación das distintas rutas de sendeirismo do concello e a promoción dos deportes de aventura, colaboraremos na creación e comercialización de produtos temáticos como visitas guiadas”.

PP: “O turismo supón un motor económico importante no municipio, pero necesitamos desestacionalizalo, creando oferta turística ao longo de todo o ano. Temos recursos e patrimonio para facelo, o que falta é crear vantaxes comparativas coa combinación destes factores para ofertar un produto competitivo e de calidade. A combinación de actividades físico-deportivas, actividades náuticas, culturais e de natureza da para crear oferta para todo o ano. Hai dous elementos que consideramos ademais de capital importancia: O CAMIÑO DE SANTIAGO, o recoñecemento da ruta que vai desde os portos á capital de Galicia pode ser un revulsivo para o sector, se sabemos rentabilizala; e a NAUTICA RECREATIVA, na que hai marxe para medrar".

CxG: “Pretendemos seguir aproveitando os valiosos recursos cos que conta o noso concello, posto que como recursos temos moito máis que praias, temos un fermoso casco histórico, unhas magníficas estacións de petróglifos, un magnífico muíño de marea, unhas magníficas instalacións en Sel cun museo xa moi interesante, uns fermosos roteiros por beiras de ríos e monte, etc..... Pero tamén temos todo o ano unha interesante oferta cultural e deportiva que complementa os recursos anteriormente citados".

6. Medida para a recuperación de edificios emblemáticos

BNG: “o do Cine París témolo moi claro, debe converterse nun auditorio digno da actividade cultural que temos. O mercado de abastos debe ser referente en produtos frescos, xa esta rehabilitado , agora precisa que se fomente o seu uso".

PP: “Xa na anterior campaña das eleccións municipais incidimos en que os recursos patrimoniais teñen que converterse en elementos dinamizadores da economía municipal. Por unha parte os edificios de titularidade municipal, ao igual que os privados, teñen certas restricións derivadas da súa condición de elementos singulares, e doutra, moitas das edificacións ás que se refire teñen unha casuística moi variada que requeriría analizar cada caso (afectación costas, concesións administrativas....). O que é evidente é que un edificio como o da lonxa vella non pode ser utilizado como jalpón, a nosa proposta é darlle actividade económica, e convertela nun mercado de peixe e produtos frescos, dándolle cabida tamén, se é posible, a outro tipo de actividade relacionadas co mar, ou a restauración. É preciso tamén cubrir outras necesidades para mellorar ou ampliar os servicios que se prestan no concello, para o que se poderían destinar algunha doutras desas edificacións. As antigas salgaduras constitúen un rico patrimonio que hai que conservar, polo menos, nas súas expresións máis singulares, e téñense organizado rutas para a difusión deste patrimonio, que se recolle ademais en interesantes libros, que dan conta dunha parte da nosa historia".

CxG: “O Cine París ten establecidos no PXOM os posibles usos, e estes son socioculturais, por certo, deuse neste mandato un avance importantísimo coa rehabilitación da envolvente do edificio (alicerces, paredes e tellado) que permitirá xa algúns usos, rehabilitación que está en fase de licitación e que en poucas semanas pode estar empezada fisicamente. A Lonxa Vella creemos pode ser un magnífico Mercado de calidade que ademáis de albergar postos de venda dos produtos da nosa ría e do noso campo, tamén pode albergar espazos para a degustación deses produtos e incluso para actividades formativas relacionadas coa preparación dos mesmos. Ao actual edificio do Mercado hai que darlle novo uso que garanta actividade no Casco de Muros, e podería ser, por exemplo, un magnífico xulgado. E con respecto ás antigas conserveiras e salgaduras que temos hai un importante problema que resolver, que son as trabas que a Lei de Costas pon para seren destinadas a novos usos, moitas delas poderían ser destinadas a establecementos hoteleiros que tanta falta fan en Muros, de feito hai xa algunha iniciativa en marcha coa que se colabora dende o Concello pero está parada por esta cuestión".

PSOE: “Co novo Goberno do Presidente Pedro Sánchez recuperaremos a achega que no Ministerio de Cultura nos tiñan consignado para poder recuperar o edificio. E en relación as antigas fábricas de salgadura, xa na actualidade no PXOM, se poden destinar para negocios relacionados co mar, (PXOM, aprobado no goberno municipal do BNG-PP), e que se quedou corto, pois a nosa intención era facer constar que se puidera ofertar aloxamento, que na actualidade tal y como se aprobou non se pode. O futuro do mercado na actualidade pasa por converterse en un centro comercial".

Novas relacionadas

Comentarios