O CEIP Ramón de Artaza de Muros estrea con ilusión a Biblioteca Escolar Manuel Fabeiro Gómez
Con moita alegría celebrou esta semana a comunidade escolar do CEIP Ramón de Artaza de Muros a inauguración da nova Biblioteca. A Biblioteca Escolar Manuel Fabeiro Gómez leva o nome dun recoñecido intelectual galeguista desta vila ao que o centro, xa hai varios anos, quixo recoñecer e poñer en valor entre a comunidade educativa.
”O cambio era necesario debido a que a antiga biblioteca quedaba pequena pois o trasiego de alumnado é incesante. Por outra banda, ao estar ubicada na cara posterior do edificio era un espazo máis frío e sombrío do que é a nova ubicación”, explican dende o centro.
Agradecen a colaboración do Concello de Muros no acondicionamento das obras, que contou cos fondos do Plan de Melloras de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación (PLAMBE). “A ilusión do alumnado e profesorado, xunto coa colaboración dalgunhas familias”, fixeron o resto.
Posta en valor do traballo da biblioteca
O proceso de renovación entronca coa decisión de poñer en valor o papel da biblioteca como eixe dinamizador da vida escolar do centro, como algo máis que un simple espazo de lectura. “Dende ela se deseña e desenvolve o PDI (Proxecto Documental Integrado) que este curso leva por nome “Amare Muros” e trátase de facer unha análise das ODS dende unha perspectiva local”, explican.
O espazo acollerá, como viña facendo a antiga, encontros con autores, contacontos, concursos, traballos de investigación, recitais e todo tipo de obradoiros.
E para desenvolver todo isto, hai dúas pezas fundamentais. Por un lado, é salientable a labor que realizan os axudantes da biblio, alumnos/as de 5º e 6º de primaria totalmente implicados/as na vida diaria do centro: asesoran aos compañeiros/as, acompañan nas lecturas, propoñen actividades e colaboran na xestión e organización da biblioteca.
Pola outra, o Polbo Ramón, mascota da biblioteca e personaxe máis famoso do colexio, que descansa hoxe na súa nova casa cheo de alegría polas mostras de cariño recibidas pola rapazada muradana.