Luns. 29.04.2024
El tiempo

Cecilia Pillado consegue un premio nacional cunha publicación sobre a importancia social da Esteirana

Cecilia Pillado cunha camiseta da sua Esteirana
Cecilia Pillado cunha camiseta da súa Esteirana
Cecilia Pillado consegue un premio nacional cunha publicación sobre a importancia social da Esteirana

Que o Fútbol da Costa é moito máis que un deporte é algo que repetimos dende hai lustros. O Fútbol da Costa é un auténtico axente social vivo, vertebrador, xerador de comunidade. Así se demostra na cantidade de publicacións que se teñen lanzado á rúa, pero tamén en cada acto, en cada Gala de QPC, en cada final da Copa da Costa, na ilusión que xera o álbum de cromos… Mesmo cada domingo, os campos da Costa convírtense no campo da festa de cada vila onde atoparse con amig@s e veciñ@s.

Así o viviu dende nova Cecilia Pillado, que leva as cores blaugranas da súa Esteirana cravadas na pel. De seguro que tomou recortes dos libros publicados coa historia da SCRD para crear o seu traballo “Historia da S.C.R.D. Esteirana. O fútbol como impulsor da identidade dunha parroquia”. Un traballo desenvolto coa axuda do seu titor Adrián Lago Duro no IES As Insuas de Muros, e que foi recoñecido cun terceiro premio no concurso Eustory, a nivel Iberoamérica.
Podedes ver aquí o seu traballo completo, no que unha das conclusións é clara: "Este estudo permite comprender como e Esteirana chegou a representar moito máis que un simple xogo. O fútbol convértese nun evento que reúne á comunidade, xerando un sentimento de pertenza e promovendo a interacción social".

Ata Málaga desprazaranse o vindeiro venres ambos para recoller o premio, pero antes, falamos con ela:

 
  • QPC: Que vinculación tes coa Esteirana?

Pois aínda que non me considero unha gran seguidora do fútbol, teño unha relación bastante activa coa Esteirana. Tanto eu como os meus amigos asistimos sempre que podemos aos partidos, e non só da categoría senior, senón tamén das inferiores, xa que moitos compañeiros de clase xogan nelas. Á parte deles, tamén moitos veciños e familiares meus foron e son parte da Esteirana.

 
  • QPC: E Esteiro, claro, está na lista de “parroquias sen concello”, como cando falamos dos ”países sen estado”, non? Por que cres que hai esa identidade tan singular?

Creo que cada parroquia ten a súa identidade por diversos factores que dan lugar a tradicións e costumes que a definen e a distinguen doutras comunidades. Se o relacionamos co fútbol, é certo que existen rivalidades deportivas e que cada equipo ten a súa identidade, pero tamén se manifesta unha unión, como cando os xogadores dunha parroquia van xogar a outra, ou non só buscar gañar, senón tamén disfrutar do xogo e fortalecer a amizade e o respecto.

 
  • QPC: Cando te empezaches a decatar desa potencia social do fútbol costeiro?

Es máis consciente deste impacto social cando asistes aos partidos, pois é aí cando ves as bancadas cheas de xente animando e dáste conta de que non é un evento calquera. Do mesmo xeito cando escoitas aos veciños falar sobre fútbol ou cando les publicacións locais e provinciais que non só son testemuños da historia do teu equipo, senón tamén do fenómeno social que é este deporte.

 
  • QPC: Como se che deu por facer este traballo? 

O obxectivo de facer este traballo era para presentalo nun concurso chamado Eustory, que é un concurso para moz@s preuniversitarios a nivel Iberoamérica, e que na súa décimo sexta edición o tema era “As nosas institucións e as súas historias”, por iso escollín a Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva Esteirana, xa que creo que é una das entidades máis importantes da nosa parroquia. O meu obxectivo era investigar sobre a historia do balompé de Esteiro, así como sobre a relación que mantén coa identidade da aldea e o impacto que ten na súa sociedade.

 
  • QPC: Cres que é algo habitual noutras zonas de Galicia?

Creo que si xa que, por exemplo, cando un equipo de fútbol doutras zonas máis afastadas vén xogar aquí, ves que trae os seus fanáticos, e é o mesmo cando a Esteirana vai xogar fóra e coñeces outras afeccións. Á fin e ao cabo o fútbol é un deporte que move masase que xoga un papel importante na vida social e comunitaria de moitas localidade.

 
  • QPC: Segues os resultados en directo no carrusel de www.futboldacosta.com?

Normalmente si, pois tamén coñezo moita xente que os sigue e falámolos de vez en cando, aínda que neste mundo virtual é moi complicado seguir todo todo o tempo, xa que hai moitísimas cousas, pero de vez en cando intento mirar os resultados.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios