Xoves. 02.05.2024
El tiempo

O Concello de Muros facilitará a implantación do servizo de madrugadores nos coles muradáns

A alcaldesa de Muros Maria Lago coa ANPA
A alcaldesa de Muros Maria Lago coas representantes das ANPAS dos coles
O Concello de Muros facilitará a implantación do servizo de madrugadores nos coles muradáns

O traballo das ANPAS é tremendamente ingrato, e moitas veces, sacar adiante proxectos ou servizos para as familias require innumerables obstáculos. Un servizo tan necesario como o de madrugadores adoita necesitar un par de anos para asentarse e cubrir un número mínimo que o faga sostible. E precisamente para iso, para darlle un apoio e poñelo en marcha aínda que sexa con poucas prazas, o Concello de Muros asinou onte un acordo de colaboración coas asociacións de nais e pais dos centros educativos que ofrecen neste curso o servizo de Madrugadores, o CEIP Ramón de Artaza e o CEIP Ricardo Tobío.

“O acordo consiste en que o concello realizará a aportación económica que as ANPA necesitan para manter o servizo ata final de curso”, asegura a alcaldesa de Muros, María Lago, que asinou os acordos xunto á concelleira de Educación, Laura Rivadeneira. 

“As políticas que impulsen a conciliación da vida familiar e laboral son unha prioridade para o goberno local”, explica a alcaldesa, polo que nos próximos meses analizarán que medidas deste tipo desenvólvense nos centros educativos e como pode colaborar o concello no próximo curso 2024/25.

Arredor de 20 nenos e nenas de Muros utlizan este curso o servizo de Madrugadores, permitindo que os seus pais e nais poidan deixalos nos centros antes do comezo do horario escolar para chegar a tempo aos seus postos de traballo.

“Dixemos xa antes de comezar o mandato que as políticas sociais e de conciliación deben ser un piar da nosa acción de goberno, polo que as potenciaremos”, remata Lago.

Comentarios