O Concello de Muros pide asumir a responsabilidade do paseo marítimo para executar súa renovación
O goberno municipal de Muros levará ao pleno ordinario deste xoves, 28 de maio, a solicitude formal de desafectación da zona do paseo marítimo do Concello ante Portos de Galicia. En realidade, nos últimos meses, mantivéronse conversas informais con Portos de Galicia sobre esta situación, nas que xa se abordou a posibilidade de iniciar o procedemento de desafectación. E parece que que sexa o Concello o responsable do paseo será o mellor para manter o seu estado.
Porque en realidade está nun estado de conservación deficiente e require actuacións importantes de mellora e acondicionamento. “Na actualidade, o Concello está asumindo de maneira continuada o mantemento ordinario da zona, que inclúe a limpeza do espazo, podas, conservación das zonas verdes e pequenas actuacións de mantemento e coidado”, explica a alcaldesa de Muros, María Lago. “Porén, ao non ser unha titularidade municipal, o Concello non pode executar unha actuación integral de reforma ou renovación do paseo marítimo, malia ser a administración que na práctica se encarga do seu mantemento diario”, engade.
Ademais, Portos de Galicia cobra unha taxa anual ao Concello de Muros pola ocupación deste espazo, a pesar dos custos que xa asume a administración local para a súa conservación.
“Desde o Concello consideramos que esta é a vía máis lóxica e beneficiosa para poder actuar de maneira directa, planificada e integral sobre o paseo marítimo, garantindo un mellor estado de conservación e un mellor servizo para a veciñanza e para as persoas visitantes”, apunta María Lago.
Máis novas

