Mércores. 18.09.2024
El tiempo

O Concello de Muros pídelle á Xunta que "deixe de cobrar as taxas polos actos no porto"

Aparcamento do Porto de Muros
O Concello de Muros pídelle á Xunta que "deixe de cobrar as taxas polos actos no porto"

Lío eterno entre as administracións o que provoca o uso do solo portuario. Portos de Galicia e os Concellos teñen continuamente diversidade de opinións sobre calquera actividade que se desenvolva no porto. 

E Muros é un deses Concellos nos que necesita ese solo portuario para calquera actividade. O Castelo Rock, a feira, o Muros mira o Mar, as festas, ou mesmo o aparcamento... todas pasan polo porto.

Farto de ter que estar pelexando coa administración galega, o Concello de Muros vén de aprobar no pleno municipal unha moción para solicitar á Xunta de Galicia “que deixe de cobrar taxas pola realización de actividades e eventos nos espazos portuarios da vila.
A alcaldesa de Muros, María Lago, explicou na sesión plenaria que “a maior parte do paseo marítimo pertence a Portos de Galicia e temos que pagar pola súa ocupación para calquera tipo de eventos, pero temos que levar nós o seu mantemento e facernos responsable de todo o que ocurra”. 
En concreto, a moción demanda “a non aplicación dos artigos 59, 60, 61, 62, 63 e 64 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de Portos de Galicia, ás autorizacións para instalacións de lecer e similares propostas polas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, de xeito que queden exentas do pago das taxas pola realización de actividades no dominio público portuario”.
O concello solicita ademais “a flexibilización do pago das dúas últimas anualidades pola utilización do dominio público portuario por parte dos concellos”.

A moción tamén reclama que “para o caso que desde Portos de Galicia se sigan cobrando taxas os concellos por utilización dos espazos portuarios, a cantidade recadada se invista en melloras e mantemento do porto do mesmo concello” e “da mesma maneira, co montante do cobrado se abone o seguro de responsabilidade civil, que cubre os sinistros acaecidos no terreo de Portos, que están a abonar os concellos”.

Moción pola ELA

O pleno do Concello de Muros aprobou tamén unha declaración institucional en apoio ás persoas afectadas pola ELA, instando “ao poder lexislativo estatal para que proceda a tramitación de xeito preferente, urxente e prioritario dunha proposición de lei que recolla as mellores achegas de cada unha das normas aprobadas unanimemente e non esqueza que a garantía dos coidados 24/7 deben constituír a base fundamental da futura lei”.

O Concello de Muros pide tamén “á Deputación Provincial da Coruña e á Xunta de Galicia para que, dentro do ámbito das súas competencias sociosanitarias, teñan en conta as necesidades do colectivo de doentes e familiares, á hora de deseñar, implementar e aplicar políticas que poidan incidir na mellora da calidade de vida dos afectados”.

Por último, “o Concello de Muros comprométese, dentro das posibilidades técnicas, orzamentarias e loxísticas municipais, a colaborar coa asociación AGAELA, naquelas accións que esta asociación leve a cabo para dar visibilidade e concienciar sobre a realidade desta patoloxía”.

Comentarios