Domingo. 03.11.2024
El tiempo

Os Concellos urxen actuar á Xunta e ao Goberno Estatal ante a marea de microplásticos que invaden o litoral

Maria Lago alcaldesa de Muros Rolda de Prensa BNG Pellets
María Lago, alcaldesa de Muros, na rolda de prensa
Os Concellos urxen actuar á Xunta e ao Goberno Estatal ante a marea de microplásticos que invaden o litoral

Primeiro Ribeira, en Corrubedo, e mediados de febreiro; máis tarde Porto do Son; e esta semana Muros e Carnota. A marea de microplásticos que invade de sur a norte o noso litoral, trala suposta caída ao mar dun container dun buque que transportaba pellets de plástico inferiores a 5 milímetros para a fabricación de botellas ou outro tipo de produtos plásticos en procesos industriais, está poñendo en pé de guerra as administracións máis pequenas. Hoxe é o Concello de Muros o que denuncia a inacción das administracións superiores.

”Dende os Concellos sentímonos abandoados polas administracións con este asunto que pode ser unha catástrofe se non se toman medidas”, aseguraba nunha rolda de prensa conxunta con outros membros do BNG da comarca do Barbanza a alcaldesa de Muros, María Lago.
A rexedora explicaba que despois da chamada de varios particulares, e a aparición nas redes sociais (e QPC) dos pellets en Area Maior, recibiu a chamada de Costas para pedir que se recuperaran todos os sacos. Pero lonxe de axudar, tanto a Xunta como o Ministerio “deron calada por resposta ou botar a pelota fóra”, lamenta Lago. “Dende o Concello de Muros reclamamos que tanto a Xunta como o goberno estatal se mollen e axuden canto antes para eliminar todo este material e intentar evitar que quede depositado nos estratos inferiores”.

De “catástrofe ambiental” calificaba a situación a ambientóloga e concelleira de medio ambiente de Ribeira, Antía Alberte.

Ademais, Rosana Pérez, Deputada do mar do BNG, lamentaba que “as administracións están desaparecidas”, asegurando ademais que “a marina Mercante sabe perfectamente de que buque vén exactamente este verquido”, pedindo accións sancionadoras directas e urxentes.

ADEGA

Tamén chegan queixas dende a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), que insta á Xunta de Galicia e á demarcación de Costas de Galicia a que “activen urxentemente o Plan de continxencias por contaminación mariña accidental ante a aparición nos últimos días de toneladas de microplásticos nas costas galegas”.

”Estes residuos, de non ser eliminados das praias, poderían acabar facendo parte da nosa cadea trófica ou alimentaria, inxeridos pola fauna mariña, alén de supoñer unha nova agresión contaminante sobre o noso litoral e toda a biodiversidade costeira” alerta dende a entidade. “Lonxe de resolverse o problema, a cada marea, seguen chegando máis microplásticos ás nosas costas e xa hai avisos da súa arrivada en praias de Lugo e mesmo de Asturias e Cantabria”.

ADEGA lémbralle á administración galega que, “ante episodios deste tipo, debe poñer en marcha un plan de continxencias que procure a protección das persoas, do medio ambiente e dos bens que resulten afectados por sucesos accidentais, como o acontecido, e que provoquen a contaminación mariña. Neste senso, no marco das súas competencias, teñen responsabilidades as Consellarías do Mar, de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de Sanidade e á propia Presidencia da Xunta. Así mesmo, tamén apelamos á Demarcación de Costas de Galicia para que exerza as súas competencias na materia”.

Así, desde ADEGA lamentan “comprobar unha vez máis como ante novos episodios de contaminación mariña das nosas costas, as administracións públicas seguen mirando cara a outro lado, exercendo unha clara deixazón de funcións”.

NOVAS RELACIONADAS

ARTIGOS RELACIONADOS

Comentarios