O Desfile e o Concurso, as festas infantís e o Enterro do Facundo copan o Enterro de Muros

Despois de coñecer as novidades do Concurso de Comparsas, o Concello de Muros desvela o programa completo para o Entroido 2025, que se desenvolverá do 1 ao 7 de marzo de 2025. O evento contará con actividades para todas as idades, desde festas infantís ata o tradicional concurso de comparsas e o Enterro do Facundo.
As celebracións arrancarán o sábado 1 de marzo cunha festa infantil no Curro da Praza, seguida da actuación de La Maquinaria Band e unha xuntanza interxeracional amenizada por Juan do Tractor e EME Music, organizada pola Comisión de Festas de Serres.
O domingo 2 de marzo terá lugar un dos eventos máis destacados: o Desfile e Concurso de Comparsas, que sairá desde a Virxe do Camiño ata o Curro da Praza de Muros e contará coa actuación do colectivo Bloco Meigallo. Este ano, o concurso repartirá 3.525 € en premios e introduce dúas novas categorías: Carrozas e murgas, ademais das tradicionais modalidades de individual, grupos e comparsas.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 26 de marzo ás 14:00 h, podendo consultarse as bases na páxina web do Concello e na sede electrónica.
O Entroido continuará con varias festas infantís de disfraces en diferentes localizacións:
- Luns 3 de marzo: Pavillón Xosé Lago (Esteiro) e no Muíño de Mareas do Pozo do Cachón (Serres)
- Martes 4 de marzo: Centro Social de Louro (Muros)
- Venres 7 de marzo: Centro San Xosé (Muros)
O mércores 5 de marzo, Muros despedirá o Entroido co tradicional Enterro do Facundo, que sairá da Praza do Cristo e finalizará coa súa queima na Praia do Castelo. A xornada estará animada pola música de La Maquinaria Band.