A eclosión do Camiño da Ría de Muros Noia: “O cambio foi extraordinario"

Montse Paris, de Muros Auga e Sal

 

“O sector hostaleiro advertíanos dun goteo constante de peregrinos durante os últimos meses, pero coa chegada do mes de xullo produciuse unha auténtica eclosión do Camiño da Ría de Muros Noia, tanto na versión marítima como terrestre”, asegura Luís Oujo, presidente da Asociación de Municipios do Camiño da Ría de Muros Noia e da Ría da Estrela. 

I é que o traballo de promoción dos últimos anos, incluído o recoñecemento como Itinerario Cultural Europeo da Vía Querinissima, e a apertura do albergue de Noia está provocando unha eclosión este verán das visitas peregrinas á ría muradá. Non só a visitantes da península, senón que este ano estase notando a presenza peregrinos doutras nacionalidades, sobre todo húngaros, italianos e arxentinos.

“O cambio foi extraordinario”, destaca Montse Paris, responsable de hospitalidade do Camiño da Ría de Muros Noia como responsable da Asoc. Muros Auga e Sal. “O ano pasado ocupabámonos de atender as necesidades de grupos españoles. Co acordo coa Fraternidade do Camiño para dedicar o albergue de Noia ao tradicional sistema de acollida de peregrinos, empezaron a chegar grupos de nacionalidades diversas, como húngaros ou arxentinos; e tras a concesión do recoñecemento como Itinerario Cultural Europeo á Vía Querinissima, comezamos a recibir italianos a título particular e tamén a empresas de turoperadores que están organizando para os seus clientes rutas de peregrinación e tamén de sendeirismo, porque a ruta circular Volta de Gloria, que une o Camiño da Ría co de Fisterra Muxía, tamén se está facendo notar”.

Un claro exemplo foi a visita el pasado mes de xuño de Flavio Prospero, representante do turoperador veneciano “Cammini Atlantici”, que percorreu tanto o Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia como a Volta de Gloria e que xa está ofrecendo itinerarios e rutas aos seus clientes italianos, moi atraídos por todo o relacionado coa epopeia da viaxe de Pietro Querini e o seu descubrimento do bacallau seco noruegués, que acabaría tendo un enorme impacto no comercio europeo do século XV.

Reforzo do Camiño Marítimo

A todo isto hai que engadir tamén o reforzo do Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia, como demostra o gran número de navegantes portugueses que participaron na VI Ruta Rías Baixas-Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia, organizada polo Monte Real Club de Yates de Baiona, o Real Club Náutico de Portosín, a Ría da Estrela e a Asociación de Municipios do Camiño da Ría de Muros Noia.

Máis novas

As receitas Estrela