Domingo. 05.05.2024
El tiempo

Henrique Monteagudo, outro contador de historias

Henrique Monteagudo, outro contador de historias
Libro Henrique Monteagudo sobre Carlos Casares O pasado sábado, día 27 de maio de 2017, o profesor Henrique Monteagudo presentou en Muros, como colofón a un mes e medio percorrendo boa parte da xeografía galega, a biografía: «Carlos Casares. Un contador de historias». Precisamente, iso foi o que fixo –nunha velada inesquecible na antiga fábrica de Sel– o secretario da Real Academia Galega: contar historias. Vivencias. Anécdotas. Lembranzas, en definitiva, coas que repasou a vida e obra do homenaxeado este ano polas Letras Galegas. Certamente, Henrique xogaba na casa, diante dos seus. Sabedor de que todos os muradáns nos sentimos orgullosos del, non só polo perfil intelectual e académico, que tamén, senón polas «cualidades» persoais que o definen e que non resultan descoñecidas para os seus veciños. Coa brillantez que o caracteriza como orador, foi xeneroso cos que asistiron ao acto comentando durante preto dunha hora o contido do libro. Unha biografía, magnífica, destinada a un público amplo e diverso, no que se describen as liñas xerais da traxectoria vital de Casares, e que, segundo nos confesou o autor, tiña a dificultade de referirse a un amigo, próximo e querido, imposible de evocar sen que acudisen as lóxicas saudades pola súa ausencia. O libro está esgotado. A editorial Galaxia non dispón de ningún exemplar. Algo previsible despois da magnífica acollida polos lectores e crítica. Pero é que, como figura na contraportada do libro, trátase dunha «achega imprescindible para entender tanto a historia da literatura coma a cultura e sociedade galegas do seu tempo». Non poido estar máis de acordo con Victor F. Freixanes, cando afirma que a obra está escrita por un biógrafo que, ademais, era amigo, polo que as páxinas do libro destilan cariño e proximidade.

Fonte

  • Domingo Guerra para QPC.

Comentarios