Máis de 130 nenos e nenas inscritas no IV Nada e Corre do Concello de Muros
Trala exitosa Carreira Pedestre de Esteiro, a parroquia deportiva muradá prepárase para a IV edición do Nada e Corre. A cita será esta mañá de sábado 16 de novembro.
“Será unha mañá de lecer, deporte e hábitos de vida saudables para os máis novos e as súas familias”, sostén a alcaldesa, María Lago. “Xa hai máis participación confirmada que o ano pasado, con equipos de Santiago, Vedra, Outes ou Noia, polo que desde o Concello de Muros estamos encantados de colaborar”, explica Damián Torea, concelleiro de Deportes de Muros.
A proba consistirá en nadar e correr, e a clasificación será baseada na suma dos tempos de ambas disciplinas. Categorías Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete.
Organizado pola Federación Galega de Tríatlon e o Concello de Muros, coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte; Protección Civil de Muros; GES Muros; Policía Local e Garda Civil de Muros; persoal de Deportes (técnicos, persoal da piscina...), Serres Runners, e os clubes deportivos de Muros, que aportan voluntarios para que o desenvolvemento da proba sexa mellor.