María Xosé Alfonso: “Seguirei coidando das redes sociais para comunicarme cos veciños”


Achegámonos por Muros nesta rolda de entrevistas aos novos alcaldes da bisbarra para ver como lle andan as cousas á nova alcaldesa, María Xosé Alfonso, volceira de Compromiso por Galicia. Tras unha mañá ben completo de visitas escapa con nós ata o Cabalo para respirar algo de aire fresco mentres facemos a entrevista. A verdade é que Muros está repleto, e o Concello parece un fervedoiro.
Parece que o pulso da veciñanza co cambio é bastante positivo, ou alomenos así aconteceu na nosa horiña de café, con veciños que se achegaban e lle dicían “es un exemplo de loita”, ou “hai moito que facer que o concello está feito unha merda”. Eses parabéns mestúranse con encargas e peticións, porque xa se sabe que o traballo de alcaldía é de 24 horas ao día.
Así o entende ela, que non vai deixar de ser unha auténtica alcaldesa 2.0, publicando no seu facebook persoal e do partido Comprometidos co Concello de Muros, onde xa está tendo moitas felicitacións por ter a porta aberta do seu despacho virtual 24 horas ao día. “Eu confío moito nas redes sociais. De feito, creo que parte da culpa do noso bo resultado electoral foi pola comunicación. Agora, é complicado manter o mesmo ritmo ca axenda que teño, pero sempre que podo intento conectarme e respondes as ducias de mensaxes que me mandan a través das redes sociais. Vouno intentar seguir facendo, dende logo, porque esa interactividade é fundamental”, cóntanos.
- QPC: Como vai ese primeiro mes de mandato a nivel persoal, entón?
Pois con moitísimo traballo. Gratamente sorprendida pola reacción e recibimento, tanto dos veciños como dos traballadores municipais.
De tódolos xeitos, como é unha actividade, a municipal, que xa coñecía de moitos anos na oposición, non me sorprende. Pero a verdade é que a intensidade si que cambia, o número de persoas que tes que ver ao día, de asuntos a ter na cabeza… Ao final, o que máis o sofren é os da familia, pero xa están medio acostumados e son moi colaboradores.
Despois, a miña idea é seguir dando clase, cun horario reducido, simplemente, por saúde mental.
- QPC: A única alcaldesa da Costa da Morte e a única alcaldesa de Compromiso por Galicia na Costa da Morte. Como analizas eses datos?
Pois é certo. A única alcaldesa da Costa da Morte, a única alcaldesa de CxG na Costa da Morte e tamén en Galicia, pois temos tamén a alcaldía de Lalín pero da man de Rafa Cuíña. Ademais, en Muros dase a casualidade que 3 das 4 candidatas eran mulleres…Non me parei a valoralo pero creo que non debería ser “noticia”, é unha mágoa que non sexa máis habitual ver mulleres co bastón de mando. Debería ser o normal.
- QPC: En todo caso, foi un xeito sorprendente de conseguir a alcaldía, sendo a terceira forza detrás do PP e do PSdG. Tiña CxG a chave do goberno pero non esperabamos un xiro así…
Pois eu quedei máis sorprendida ca ti, pois o enfrontamento entre Caridad-PSOE e CxG era moi grande, a candidata do PP e o do BNG eran novos, e nada me facía pensar que me ía tocar a min ser alcaldesa. A verdade é que intuino apenas uns minutos antes de comezar o pleno de investidura do 13 de xuño, así que xa ves…
- QPC: Que foi a primeira cousa que fixo ao recoller o bastón de mando?
Recibir xente, e xuntarme cos funcionarios e persoal municipal, ao que agradezo a boa disposición. E poñernos ao día en asuntos urxentes, pero a realidade é que a mesa estaba baleira…
- QPC: E xa vos atopastes co primeioro “marrón”… o tema da utilización do peirao para as Festas do San Pedro. Como foi? Por que tardou ese permiso? Foi doado conseguilo, finalmente?
Decatámonos de que o problema era de verdade a dous días do San Pedro, e por casualidade, porque chegou a denegación para o Festival Castelo Rock.
Aí decidimos facer unha xuntanza aberta, para informar aos veciños e para presionar a Portos, ao que chamamos ese mesmo día, pois a urxencia obrigaba. Non respondeu e máis de 100 persoas convocadas da mañá a tarde xuntáronse na porta do Concello para saber como estaba a situación. O venres chamounos o Presidente de Portos e conseguimos a súa autorización para estas 4 festas do verán e sen setembro analizaremos como será o verán que vén con calma.
- QPC: Atopouse algunha sorpresa agradable ou desagradable ao abrir os caixóns?
Economicamente, atopámonos moitas sorpresas desagradables. Desorganización total (que xa preveíamos, é certo); partidas sobrepasadas, como unah obra concedida por 200.000€ e con facturas por 240.000€, ou unha obra no ximnasio da piscina concedida por 70.000 e agora reclaman 90.000€. Hai así moitas sorpresas, todas en perxuizo do Concello. Pois tócanos levar adiante un goberno en minoría, pero esperamos chegar a acordos con todos os grupos políticos. Temos o primeiro pleno este xoves ás 21:00h, pero antes xa houbo xunta de portavoces (había anos que non se facía) na que lles entregamos ás voceiras un informe da situación económica do Concello. E tamén lles dimos a nosa proposta para as dedicacións. Nós queremos aprobar 3 dedicacións parciais, unha de 1.600 para a alcaldía e dúas dedicacións de 1.400 para os concelleiros Tono e Quintela. Suporían un gasto municipal de 4.000€ ao mes en soldos, moi por debaixo dos case 6.000€ (sen contar os 2500 da asesoría xurídica) que gastaba o anterior goberno. Sería unha redución de arredor do 30% en soldos. Polo demais, hai moito que facer. O máis inmediato, organizar o funcionamento dos traballadores para que a atención ao público sexa máis rápida e eficaz. Temos que asumir obras de certa envergadura que son urxentes e necesarias a pesar da crise, como o Paseo Marítimo de Esteiro. De feito, xa nos xuntamos con Costas e tócanos remitirlle unha carta cas necesidades desa obra. Teño a esperanza de que fagan unha oposición construtiva, como a que fixemos nós nestes anos. Que critiquen o que consideren malo para o pobo, pero que sexan responsables coas cousas que sexan boas¡, veñan de quen veñan. Nós temos claro que imos aceptar e votar a favor das propostas que consideremos boas para Muros veñan do partido que veñan.O importante non é quen propón, senón o que propón.
Tamén temos descuberto obras xa adxudicadas ás presas sen atención nin procesos… E despois, véndoo dende dentro, os Decretos de Rajoy sobre o suposto municipal están sendo unha lacra para os concellos. Algo está mal regulado, por exemplo, coas incompatibilidades e limitacións.
Temos pendentes de recibir as correcións do PXOM.
Pero sobre todo, temos que solventar o grave problema co saneamento. De feito, acábanse de rematar dúas obras de asfaltado e mellora do firme de dúas estradas, pero non se fixo o saneamento, polo que tocará levantar de novo e separar as pluviais das residuais, pois a infraestrutura xa está e só hai que conectala. Pero a falta de planificación provoca estas cousas.
Nese asunto do saneamento tamén hai cousas que hai que solventar a nivel galego. Augas de Galicia realiza unha obra mal executada, entrégacha e despois ponche unha multa por tela en mal estado. En vez de axudar aos concellos a solucionar os problemas co saneamento, pon trabas. Está perfecto que haia un control de veritods, pero toca falar con todos para que cada un se faga responsable dos seus erros. Hai millóns de euros investidos en saneamento e non a rede non funciona nada ben.
Novas relacionadas
Fonte