Rosalía sempre viva no Fontexería

O feito de que o Día de Rosalía caese en domingo, provocou que as celebracións escolares para lembrar a figura da poeta galega se adiantasen ao venres 21 de febreiro. Así aconteceu no IES Fontexería, que desenvolveu unha xornada lúdico-festiva.
O centro muradán, sempre comprometido coa defensa das letras e da cultura galega, fixo partícipe a toda a comunidade educativa de diversas actividades nas que se recitaron poemas e se difundiu a vida e obra da autora do Rexurdimento. Tampouco faltaron as flores e a música. Despois da entrega de caraveis e marcapáxinas, o alumnado interpretou a piano poemas da escritora, entre eles o xa coñecido Negra Sombra.
O himno galego poñería o punto e final a un acto no que se manifestou que Rosalía e as letras están máis vivas ca nunca.