sábado. 04.07.2026
El tiempo

23 anos de cárcere para o home que asasinou ao seu pai cunha machada en Esteiro

GEAS inmersion muros
Os GEAS atoparon a suposta arma do crime nas inmersións realizadas no peirao de Esteiro.
23 anos de cárcere para o home que asasinou ao seu pai cunha machada en Esteiro

A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña vén de condenar a 23 anos de cárcere ao home que asasinou ao seu pai na vivenda que compartían en Muros, en abril do 2023.

O Xurado entendeu probado que, “co propósito de acabar coa súa vida”, propinoulle cunha machada “repetidos e fortes golpes na cabeza”. Na sentenza, o maxistrado presidente salienta que, no momento de cometer os feitos, “non padecía ningunha alteración nas súas facultades de entendemento e vontade, e era, polo tanto, plenamente consciente dos seus actos”. Ademais, sinala que a relación entre a vítima e o seu fillo “estaba deteriorada e era deficiente”.

“A posible intervención de terceiras persoas non identificadas, que foi a explicación do sucedido facilitada nun primeiro momento polo acusado, as cales accederían ao interior da vivenda para agredir ao seu pai e causarlle a morte, foi, tras a investigación practicada, descartada polos funcionarios policiais que a levaron a cabo, tal e como como explicaron os xurados na acta de votación”, destaca o maxistrado na sentenza.

Desta forma, explica no fallo que o Xurado declarou probada a concorrencia de aleivosía súbita ou inopinada, chamada tamén sorpresiva, pois a vítima careceu de posibilidade de defensa. Devandita circunstancia especifica determina a cualificación do homicidio en asasinato.

Tamén resalta a existencia de dolo homicida, de aleivosía e da agravante de parentesco. En consecuencia, condena ao acusado como autor dun delito consumado de asasinato e, ademais da pena de 23 anos de prisión, imponlle cinco anos de liberdade vixiada e o pago de 80.000 euros a favor da nai da vítima.

A Audiencia Provincial acorda, unha vez sexa firme a resolución, de conformidade co establecido no artigo 756.1° do Código Civil, deixar sen herdanza ao acusado “por estar incurso en causa de indignidade para suceder ao seu pai”.

A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG. 

Comentarios