Arranca a programación litúrxica da Romaría da Virxe da Barca de Muxía co estreo da réplica da Santa en 3D
A Romaría da Virxe da Barca de Muxía, unha das poucas citas declarada Festa de Interese Turístico de España dende 1989 e que conta co apoio da Xunta de Galicia, iniciou onte pola tarde a súa programación litúrxica con varias novidades. A máis destacada foi o estreo da réplica da imaxe da Santa, bendicida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, nun acto que contou con centos de fieis e que finalizou co Himno da Virxe da Barca.
O prelado presidiu a primeira Eucaristía da Novena na honra de Nosa Señora da Barca, que se estenderá ata o próximo venres 13 de setembro. As misas desenvolveranse maioritariamente en horario de mañá (09.00 horas) e de tarde (19.00 horas e cantadas pola Coral Polifónica de Muxía). Estas últimas serán retransmitidas vía streaming a través da páxina de Facebook do Santuario da Barca.
Daniel Turnes -novo párroco do Santuario muxiano e que está á fronte, por primeira vez, dos actos- fixo entrega a monseñor Prieto dun cadro como agradecemento a súa participación na inauguración da Novena. Un acto no que tamén estiveron presentes integrantes da directiva da Asociación Cultural para a celebración da Romaría da Virxe da Barca de Muxía, presidida por Ramón Pérez Barrientos.
Sobre a imaxe da Santa, Daniel Turnes explicou que se trata “dunha réplica moi fidedigna da orixinal. Foi realizada en 3D e combina o último en tecnoloxía e o tradicional da restauración, xa que segue a fórmula de pintado medieval empregada na figura orixinal, que data do século XV”, explica. Igualmente, creouse un novo altar e ambón para esta réplica que xa preside o Santuario e que se utilizará nos distintos actos da Romaría da Virxe da Barca de Muxía.
Mentres tanto, a imaxe orixinal atópase custodiada “baixo sete chaves”, coa fin de que se manteña a bo recado. Só saíu do espazo no que se atopa para ser trasladada a Oviedo, baixo todas as medidas de seguridade pertinentes, coa fin de realizar a réplica bendicida onte no Santuario. Precisamente, o feito de que a talla orixinal se atope noutro lugar foi o que favoreceu que non fose vítima do brutal incendio que sufriu o Santuario da Barca de Muxía en 2013.
Actos relixiosos especiais
Dentro da programación litúrxica da Romaría da Virxe da Barca de Muxía destaca a procesión nocturna dos fachos, que terá lugar mañá ás 20.30 horas, con saída e regreso ao Santuario. O domingo terá lugar a celebración coas persoas enfermas, mentres que o luns 9 de setembro se celebrará, ás 17.00 horas, o funeral polos devotos defuntos da Virxe da Barca.
Unha vez finalizada a Novena, incrementaranse os horarios de oficios relixiosos durante a fin de semana grande da Romaría muxiana. A misa solemne terá lugar o domingo 15 ás 13.00 horas e estará presidida por Manuel J. Fernández Formoso, canónico da Catedral de Santiago. Á Eucaristía seguirá a tradicional procesión de Nosa Señora da Barca ata o peirao de Muxía.
A imaxe da Santa regresará ao Santuario o luns 16 de setembro coa procesión que sairá ás 12.30 horas da igrexa parroquial. A misa que porá o broche aos actos relixiosos desenvolverase ás 13.00 horas.
Programación cultural e de ocio
Dende a Asociación Cultural da Romaría da Barca de Muxía esperan unha afluencia masiva de fieis, especialmente na xornada do domingo. Paralelamente aos oficios relixiosos, a organización desta cita, que conta co apoio da Xunta de Galicia, ofrecerá un completo programa de actividades culturais e de ocio.
Así, entre o xoves 12 e o luns 16 de setembro, ofreceranse multitude de propostas, entre as que se destacan a maior traca de bombas de toda Galicia e unha gran sesión de fogos artificiais nocturnos. Todos os días haberá música con orquestras de renome, DJs e concertos, que se combinarán con outro tipo de actividades a pÉ de rúa.
Toda a información sobre a Romaría da Virxe da Barca de Muxía pódese consultar a través dos perfís que a celebración acaba de estrear en Facebook e Instagram (@romeriadabarcamuxia).