xoves. 08.05.2025
El tiempo

Carlos Concheiro: "Dinamizar o tecido económico é social é cuestión de traballo, non de cargos"

Carlos Concheiro: "Dinamizar o tecido económico é social é cuestión de traballo, non de cargos"
Carlos Concheiro candidato do BNG de Muxia

Carlos Fernández Concheiro debuta este 2015 como candidato á alcaldía. Este arquitecto e mestre do instituto de Baio, activista cultural dende fai moito tempo, non é novo no mundo da política. Como vicerresponsable comarcal, membro do consello nacional do BNG e responsable de política municipal no BNG Costa da Morte, ten moito discurso “mallado”, pero agora afronta a posibilidade de pelexar polo bastón de mando.

Conta cunha lista renovada, na que o anterior candidato e único edil actual Fasutino Gándara, só aparece no posto 13. Conta agora con pesos pesados da vila como María José Pazos Liñeiro, a filla de Pazos de Merexo, ou Benito Paz e entre todos buscarán máis asentos no pleno muxián.


  • QPC: Con que obxectivo afronta a súa lista estas eleccións do 24M?

Florentino Cuevillas, intelectual da xeneración Nós, deixounos unha frase estarrecedora: "Galiza é un país que quere suicidarse e non o consegue". Agora poderíamos dicir que Galiza está suicidándose e non o sabe. Os/as nacionalistas galegos/as sabemos que o noso país está a vivir unha situación de emerxencia. O noso concello perdeu máis do 10% da súa poboación nos últimos anos. A xente nova marcha agora con crise como marchaba antes sen crise.
O noso obxectivo é intentar convencer á cidadanía de Muxía que apoiar ao nacionalismo galego, votar ao Bloque Nacionalista Galego, é un voto contra a resignación, contra a política de terra queimada que estamos a sufrir. Porque nós temos fe no noso pobo e nas posibilidades da nosa terra, e non esperamos que as solucións veñan de fóra, porque nunca foi así.


  • QPC: Unha lista completamente renovada. Cales son os puntos fortes do seu equipo?

Non é unha renovación completa, están na candidatura compañeiros e compañeiras que levan loitando polo seu país moitos anos apoiando ao BNG de Muxía (como militantes ou simpatizatizantes). Na candidatura temos representación de todos os colectivos do noso concello: traballadores do mar, gandeiros, estudantes, xente emigrada porque non atopa traballo na súa terra, xente con contratos precarios e cunhas condicións laborais tercermundistas, parados/as... E ese é o noso punto forte, contar co seu apoio e entusiasmo.

Os primeiros da lista do BNG de Muxia 2015
  • QPC: Cales cren que son as eivas máis grandes no seu concello?

A eiva máis grande é que non somos capaces de dar esperanza á mocidade. Celso Emilio Ferreiro berraba nun dos seus poemas: "Pido unha patria ao mundo". A xuventude está a pedir tamén unha patria ao mundo, e dicir, poder vivir e traballar na súa terra. O goberno municipal non foi quen de mudar esta situación en oito anos, mais nós cremos que é posíbel. Temos que facer política con acento propio cara á dinamización económica e laboral. É necesario un plan integral de desenvolvemento local baseado na nosa riqueza agrogandeira e pesqueira, no noso patrimonio cultural e natural e na artesanía e as artes plásticas. E nisto temos todo por facer. Non é cuestión de cartos, senón de imaxinación e traballo.


  • QPC: Cal é o proxecto do que fai bandeira e a que partida orzamentaria adicará máis cartos?

Temos un plan de desenvolvemento económico moi ambicioso ao que dedicaremos unha parte importante dos recursos do concello, porque cada euro invertido cremos que se multiplicará no medio prazo. Apoiaremos economicamente proxectos de valorización dos produtos da terra e do mar e da nosa artesanía, o concello realizará os trámites necesarios e informará das axudas disponíbeis. Crearemos un local municipal onde se poidan comercializar estes produtos sen intermediarios amparados por unha marca promovida polo concello (como é posíbel que non se poda comprar congro seco en Muxía?), crearemos unha rede de museos municipais en Cabo Touriñán, na reitoral da Barca, en Moraime... que incluirán instalacións comerciais ou hosteleiras que poderían ser explotadas por artesáns ou xente da contorna e crearemos rutas de sendeirismo homologadas que percorran os espazos naturais do noso concello para facer de Muxía un destino pioneiro do turismo de natureza.


  • QPC: Tres propostas concretas, e importantes, do seu programa.

Aparte das anteriores:
O deporte debe ser un elemento máis na actividade diarias dos rapaces e as rapazas. Node reducirse ao fútbol. Temos que conseguir que as nenas practiquen deporte na mesma proporción que os nenos. Ofertaremos formación polideportiva dos 4 aos 8 anos (fútbol, baloncesto, balonmán, xadrez, ...), para que a partir desa edade poidan escoller. Crearemos escolas deportivas municipais, subvencionando o equipamento deportivo e o transporte desde as distintas parroquias.
A mocidade non pode estudar no noso concello despois do ensino obrigatorio. Reclamaremos á Xunta de Galiza a implantación de ciclos medios de formación profesional e bacharelato.
Xestionaremos a construción dun local axeitado para a escola infantil.


  • QPC: Como potenciará a participación cidadá no Concello?

Elaboraremos un regulamento de participación para permitir que os veciños e as veciñas poidan falar ao rematar os plenos e as comisións, estarán disponíbeis na páxina web do concello as sesións plenarias e as obras en cada parroquia deberán ser refrendadas en asemblea.


  • QPC: Como analiza o traballo do alcalde nesta lexislatura?

Non imos negar que se fixeron obras necesarias de saneamento e abastecemento de auga. Só faltaba que non se fixesen despois da chuvia de cartos dos plans de Zapatero e da licenza do Parador de Turismo. Mais creo que un exemplo claro do déficit democrático e da falta de traballo na xestión destes anos foi a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal pola porta de atrás, sen exposición pública que nos permitise informarnos e alegar. Despois de oito anos de goberno temos un Plan que é un "corta e pega" do plan do Partido Popular que tanto criticara o PSOE e ao que tantas alegacións fixera, que non prevé solo urbanizábel para obter solo público para equipamentos deportivos e culturais nen plans de protección para a contorna da Barca, de Moraime ou de Cabo Touriñán. Un plan Xeral do que moitos veciños e veciñas van a coñecer a súa existencia cando reciban a contribución urbana por fincas que antes eran rústicas (en moitas delas non se poderá edificar por non cumprir coa superficie mínima) ou cando queiran edificar e xa non podan. Todo isto, sen recibir a máis mínima información.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios