Martes. 23.04.2024
El tiempo

Carlos Concheiro: "En Muxía estamos a sufrir unha brutal deforestación humana"

En Muxía, tras 12 anos de goberno socialista, albíscanse tempos de cambio trala renuncia do aínda alcalde. Falamos dos tres candidatos ás eleccións municipais deste 26 de maio de 2019, Carlos Concheiro, candidato do BNG.

Carlos Concheiro, candidato do BNG de Muxía
Carlos Concheiro: "En Muxía estamos a sufrir unha brutal deforestación humana"
  • QPC: Tras 3 lexistaturas de goberno socialista, sempre subindo, esperades que chegue o momento do cambio?

Os concellos onde goberna o BNG son un referente, un exemplo que vai máis aló das nosas fronteiras. E o son porque somos nacionalistas, porque temos confianza no noso país e na nosa xente e non esperamos que as solucións veñan de fóra. Traballamos para aumentar o apoio dos muxiáns e das muxiás para converter a Muxía noutro concello a imitar.

É difícil que xurdan outras alternativas porque temos unha poboación moi envellecida, porque os tres partidos están moi asentados e porque non callou ningunha das escisións do PP e do PSOE que pensaron nalgún momento presentarse.

  • QPC: Cres que a política personalista de Félix Porto, sobre todo durante a última lexislatura, lle fará dano electoralmente ao PSOE?

Non sei se a forma de designación do novo candidato foi aceptada por toda a militancia do PSOE, mais non imos entrar na situación interna doutra forza política.

Non estamos en contra das dedicacións sempre que se creen para xestionar servizos públicos de calidade, mais non compartimos o feito de crealas cinco meses antes das eleccións co único obxectivo de liberar ao candidato do PSOE na campaña e precampaña electoral. Iso é xogar con ventaxa aproveitando os recursos que son de todos e todas.

  • QPC: Cres que as eleccións do 28 de abril, nas que o BNG recuperou a liña ascendente tras moitos anos de retroceso, influirán nas do 26 de maio, ou cres que Xerais e Municipais non se poden relacionar porque son de naturezas diferentes?

Creo que o BNG volve ser visto como a casa común do nacionalismo galego no seu conxunto e esta percepción conlevará un aumento importante do apoio que recibimos por parte da ciudadanía.

  • QPC: Cal é o proxecto estrella do voso programa?

Non cremos nos proxectos estrela que adoitan converter a política nun espectáculo. En Muxía estamos a sufrir unha brutal deforestación humana. Por cada turista que chega hai un muxián que marcha en busca de traballo e esperanza. Nós propomos mudar a actual xestión de resignación, de que isto é o que hai, por unha xestión de esperanza mediante un plan de desenvolvemento local no que o concello sexa a locomotora económica que facilite a aparición posterior de iniciativas privadas.

  • QPC: E o resto de liñas principais?

O plan do que falei na pregunta anterior baséase en cinco ideas claras:

A cultura e o patrimonio, xeneradores de riqueza. Crearemos unha rede de espazos museísticos municipais que incorporen instalacións comerciais e hosteleiras que que xeneren ingresos e postos de traballo e permitan vender os nosos productos de calidade da terra e do mar, a nosa artesanía e a obra dos nosos artistas plásticos.

Contar con espazos naturais protexidos é unha oportunidade, non un problema. Muxía pode ser un referente do turismo de natureza en Galiza. Subvencionaremos os gastos de limpeza e repoboación con especies autóctonas nas franxas de protección contra incendios forestais. En colaboración cos concellos da contorna, impulsaremos a creación da Reserva da Biosfera da Costa da Morte.

Aposta pola formación. A mocidade ten que marchar fóra para estudar e moitos/as xa non voltan. Pediremos a colaboración dos centros educativos para conseguir a implantación de ciclos formativos de grao medio. Crearemos bolsas de traballo destinadas á xuventude para que contribúa ao desenvolvemento do seu concello.

Apoio á pesca e á gandeiría. Investiremos parte dos ingresos que o concello vai recibir anualmente polo parque eólico en axudar ás pequenas explotacións gandeiras que están a vivir unha situación de emerxencia que pon en perigo a súa continuidade, subvencionando o gasto eléctrico das que compartan contador coa vivenda. 

O noso mar necesita proxectos innovadores que conten con impulso público. Pediremos a colaboración da universidade para buscar novos recursos e novas formas de explotar os existentes.

Máis servizos públicos. Un novo local en condicións para a escola infantil e a creación dun centro de día serán prioridades dun goberno do BNG. Mas necesitamos obter solo de titularidade pública cun novo PXOM consensuado.

  • QPC: A túa lista está formada por María Xosé Pazos, Faustino Gándara, Luis Gerpe, Germán Romero, Alexandra Pose, Jose Valencia, Martina Canosa, Benito Pose, Merce Barrientos e Francisco Javier Suárez.
    Cales son os puntos fortes do teu equipo?

Creo que son xente traballadora e honesta que coñece a fondo os problemas dos veciños e das veciñas de Muxía. Xente que loita por manter as súas explotacións gandeiras, que tenta vivir do mar, que sufre a emigración e os traballos precarios ou que reivindica un ensino de calidade para o rural e que aínda así ten tempo para loitar por un país soñado.

BNG Muxía 5 primeiros da Candidatura
Os 5 primeiros da lista do BNG de Muxía

Novas relacionadas

Comentarios