O CEIP Virxe da Barca e o CEIP Xesús San Luís Romero, recoñecidos pola súa innovación pedagóxica
8 centros educativos do país veñen de ser recoñecidos nos premios Innovagal da Xunta de Galicia. Uns premiso que recoñecen o traballo dos centros en materia de innovación educativa como motor de transformación social, e que pretenden crear unha colaboración entre os centros que fomenten a formación continua do profesorado.
Entre os galardoados da categoría A, correspondente a Infantil, Primaria, Educación especial e aos o colexios rurais agrupados, o CEIP Virxe da Barca (Muxía) levou o terceiro premio e o CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo) recibe o accésit. Por diante quedaron o CRA Mestre Manuel Garcés (Tomiño), e o CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo).
CEIP Virxe da Barca
O proxecto do colexio CEIP Virxe da Barca (Muxía) toma o centro como unha microsociedade transformadora na que todo o alumnado se ten que sentir incluído. Para conseguilo, reformulan a forma de traballar rompendo a inercia de aplicar metodoloxías mais tradicionais para iniciarse nunha metodoloxía activa e dinámica. Este cambio fomenta a autonomía e pensamento diverxente do alumnado e ten unha repercusión positiva na contorna favorecendo a participación das familias e do barrio.
Entre outras iniciativas (laboratorios creativos, patios activos...), desenvolven o proxecto Cretectura de innovación educativa pedagóxica a través da creación de espazos de aprendizaxe, que mesturan as artes e a pedagoxía para dar resposta a diversidade do alumnado.
CEIP Xesús San Luís Romero
O colexio CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo) considera que o traballo en equipo e a formación do profesorado é o camiño necesario para emprender un cambio no centro, entendendo que a Innovación trae consigo a igualdade de oportunidades, a inclusión, a igualdade de xénero e a superación de prexuízos.
Para acadar estes obxectivos, o centro participa en numerosos programas que fomentan o traballo por proxectos a través de Plan Proxecta, o emprendemento dentro do programa Lanzadeiras-miniempresas, a educación emocional empregando distintos contratos- programa e a competencia dixital, a través de Digicraft.