martes. 07.10.2025
El tiempo

Comezan as obras de mellora do Centro de Información á Muller (CIM) de Muxía

Obras no CIM de Muxia
Comezan as obras de mellora do Centro de Información á Muller (CIM) de Muxía

O Centro de Información á Muller de Muxía é un recurso fundamental na loita contra a violencia de xénero e na promoción da igualdade de oportunides, que ofrece servizos de información, orientación xurídica, atención psicolóxica e apoio social. De aí a importancia de cada detalle, da necesidade de que as mulleres que acodan estean cómodas e seguras, nun entorno de privacidade que lles permite falar con liberdade. 

De aí a necesidade de acometer as obras, xa anunciadas en abril, e que permitirán:

  • Ampliación do espazo do CIM coa creación dunha sala de espera pechada, que garantirá a intimidade e o confort das usuarias, evitando que teñan que esperar no pasillo, como sucede actualmente.
  • Substitución das actuais mamparas por tabiquería insonorizada, co fin de garantir a confidencialidade nas consultas e crear un entorno seguro e empoderador.
  • Renovación da carpintería exterior, actualmente deteriorada tras máis de 20 anos sen mantemento, e da carpintería interior, incluíndo portas insonorizadas.
  • Adaptación do solo e da iluminación, mellorando a accesibilidade, a estética e a comodidade do espazo.
  • Dotación de novo equipamento, como cadeiras para a sala de espera, estores para a privacidade, e ratos ergonómicos para mellorar a saúde postural do persoal.

 O Concello de Muxía inviste para esta actuación cun orzamento total de 37.268 euros, financiados ao 100% pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

O alcalde de Muxía, Javier Sar, destacou que “estas melloras son fundamentais para seguir ofrecendo un servizo público de calidade, respectuoso e confidencial. O CIM é un espazo esencial na nosa política social e dende o actual goberno consideramos prioritaria a súa modernización e adaptación ás necesidades reais das usuarias”.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Aurelia Picallo, subliñou que “con estas obras o Concello de Muxía dá un paso máis no compromiso coa igualdade e coa protección das mulleres. O novo espazo permitirá atender con maior privacidade, comodidade e eficacia a todas aquelas mulleres que acoden ao CIM buscando apoio e asesoramento”.

Outras novas
 

Comentarios