Venres. 29.03.2024
El tiempo

Dous Susos, dous libros

Dous Susos, dous libros
Suso Bahamonde e Suso Lista estrean novos libros

Menuda alegría que nos dá ver que dous dos poetas máis auténticos da Costa da Morte seguen creando. Suso Lista e Suso Bahamonde xa teñen en marcha os seus novos libros, e entre maio e xuño teremos varias presentacións, que de seguro, serven tamén de punto de encontro para poetas e escritores das comarcas de Bergantiños e de Fisterra.

Ultimamente temos visto ao ceense-muxián na fantástica Semana do Libro do CEIP Santa Eulalia de Dumbría; e ao cormelán no mesmo Faro Roncudo contándolles a unha marea de transos o que significa ser percebeiro ou contando a historia da Furna do Osmo. Veremos tamén en breve a Lista no Festiletras falándolle aos pequenos sobre o oficio.
Pero tamén veremos a ambos detrás dunha mesa, lendo algún dos poemas na presentación das súas “criaturas”.

A Expansión de Suso Bahamonde

Expansion novo libro de Suso Bahamonde

Probablemente, este 15 de maio nacerá a criatura. “Expansión”, que será o seu segundo libro propio (ten participado noutras recompilacións poéticas), tras “Óxido nas flores da tarde”, publicado hai xa 13 anos, foi finalista do I Certame de Poesía ¨Ardeiro¨de Negreira en 2012, un certame que vencía, por certo, o libro do camariñán Rafael Lema “Alturas do monte Pindo”.

Ademais do libro en si mesmo, “Expansión” nace como un pequeno proxecto alternativo ás cauces tradicionais de publicación, distribución e venda de literatura.
Expansión é unha autoedición, costexada polo propio autor en colaboración coa editorial Punto Didot, en formato de distribución baixo demanda.

Coa intención de achegar a poesía á rúa, e non á inversa, o libro venderase en locais de ocio, tales como bares, locales nocturnos, presentacións literarias, concertos, exposicións… ou nas bibliotecas públicas de Concellos da Costa da Morte, e en formato electrónico na rede, para descargar en pdf para calqueira tipo de dispositivo electrónico, por un prezo máis económico.

A presentación terá lugar tamén nos seguintes meses, en diferentes concellos da Costa da Morte, así como nas principais cidades galegas. Así que haberá que estar atentos a novidades.

Así o define a súa compañeira de verso María Lado:

“Expansión é un poemario nacido da necesidade do colapso, estoupar. Unha reflexión sobre a fráxil e azarosa existencia, sobre o lugar e misión de cada pequeno latexo de vida no universo e, en consecuencia, é tamén un libro sobre a extinción, a soidade, a falta, a morte... e o que vén despois, ese universo descoñecido”.”.

”Salseiros”, de Suso Lista

Salseiros-Novo libro de Suso Lista

Un home coa arte inserida na alma. E non hai máis que ver a pedazo de galería de arte efímera que está creando no seu Facebook, recollendo, tódolos días unha foto da área da praia do Osmo. Aínda lembramos cando escribía os seus contos en QPC, aló polo 2009 e 2008. Precisamente moitos destes textos, publicados tamén no seu blog, aquel “Espacio emocional e literario dun percebeiro do Roncudo”. Pero é que este home fai de todo, e todo o que toca faino ben. Como botamos de menos ese Para mariñeiros nós...

Hoxe xa prepara a presentación inicial de “Salseiros”. Será o sábado 31 de maio, e como non podía ser doutro xeito, será en Corme. A obra, editada por “Edicións Embora”, é precisamente unha recompilación de textos, cheos de sal, de ironía, de lembranzas. A súa acidez de seguro que convirte a obra nun “bestlseller” galego, pois a facilidade coa que se len os seus textos é directamente proporcional á súa simpática retranca natural.

Alfredo Conde, Premio Nacional de Literatura, abre o libro co prólogo, e cada texto leva unha imaxe, unha foto histórica, que nos leva de viaxe ata o Bergantiños de sempre.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios