Efectivos de Protección Civil de Carballo, Muxía e Mazaricos acoden de axuda humanitaria a Valencia
Xa vimos a cantidade de alimentos e cartos doados aos afectados pola Dana pola veciñanza da comarca a través de varias iniciativas futboleiras e municipais. Hoxe, ademais deses medios materiais, coñecemenos os medios humanos cos que colabora a comarca para paliar a traxedia.
Onte saíron con rumbo a Valencia dúas expedicións dende Carballo con persoal e recursos técnicos que van axudar nas zonas afectadas pola DINA (Depresión Illada en Niveis Altos).
O convoi que arrincou de Carballo a primeira hora da mañá está integrado por cinco voluntarios de Carballo, entre eles o coordinador do Servizo Municipal de Protección Civil de Carballo, Javier Souto, e catro de Muxía, aos que se sumaron posteriormente outras oito persoas procedentes de Val do Dubra, Boiro e Mazaricos.
Estes 17 voluntarios son os primeiros da provincia da Coruña en desprazarse á zona afectada, pero Luis Barca explicou que está previsto facer relevos cada cinco ou seis días, e que “hai listaxe de agarda, porque é moita a xente que quere axudar”.
Ademais do persoal, a expedición conta con dous vehículos todo terreo, unha bomba de achique eléctrica e dúas a gasolina, un xerador, tendas de campaña, equipo de iluminación, motoserras, material de limpeza e baldeo e comida. “É moi importante que sexamos autónomos”, engadiu Barca Añón.
Nese sentido, a agrupación de Muxía achega os fogóns que se usaron durante a catástrofe do Prestige, que permitirán preparar as comidas diarias para unhas cincuenta persoas. Así chegaban esta pasada noite a Valencia:
Camión de Gestagua
Hoxe tamén partiron do parque empresarial de Bértoa dous voluntarios do servizo municipal do ciclo integral da auga, coordinados, a través da empresa concesionaria, Gestagua, coas autoridades valencianas. Benigno López e Víctor Villanueva levan ata a zona afectada un camión de saneamento e unha pick up dotados con bomba, grupo electróxeno, equipos de protección, medidor de gases, palas, cepillos... “e ganas”, aseguraron. O seu traballo consistirá en reparar os danos causados pola acumulación de lodo nas redes de sumidoiros e saneamento, que constitúe un importante problema nestes momentos.
Recollida de Alimentos ata o mércores
Ao mesmo tempo, hoxe comezou a recollida dos produtos solicitados ao noso concello pola Federación Valenciana de Municipios e Provincias, fundamentalmente alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene. As doazóns nesta primeira xornada foron enormes, froito, como destacou Miguel Vales, “da solidariedade que caracteriza ao pobo de Carballo”. En principio, a recollida continuará mañá martes pola mañá tanto na casa do concello coma no Fórum, e o mércores pola tarde no Fórum Carballo. A partir do mércores non se recollerán máis produtos.