A solidariedade do Fútbol da Costa e os Concellos cos afectados pola Dana
Non é a primeira vez que a Costa da Morte demostra a súa solidariedade con emerxencias dalgun punto do estado ou do mundo. Non ía pasar sen acontecer coa Dana que provocou máis de 200 falecidos e incalculables danos materiais a semana pasada no Levante.
Ao longo desta fin de semana, varios clubs do Fútbol da Costa, así como algún Concello, realizaron colleitas para enviar axuda aos concellos afectados.
Así aconteceu no campo de Xaviña de Buño, onde o club oleiro, aproveitando o derbi ante o Cerqueda, organizou unha recollida de alementos non perecedeiros, con rotundo éxito.
Por Corme, no Cairo, aproveitando o vivivo choque ante o Xallas, o club cormelán recadou nada menos que 1.236€, aproveitando a venda das rifas.
Un procedemento que repetiron en Arliña, onde o Muxía CF recaudou case 1000€ ou no Municipal Rogelio Martínez - Cabo Darea, onde o SD Laxe conseguiu tamén 250 euros par enviar, como o Corme, a través da Cruz Vermella.
Unha iniciativa que repetiron outros clubs como o Sporting Seaia en Pedra Queimada. As colleitas malpicás contaron co apoio municipal.
Os Concellos
A nivel municipal, xa o pasado día 30, o Concello da Laracha amosaba o seu apoio cun minuto de silencio que se gardou fronte á Casa do Concello en sinal de loito polos falecidos e de apoio e solidariedade coas vítimas da DANA da Comunidade Valenciana e Castela-A Mancha.
Por Vimianzo, o Concello lanzou unha campaña solidaria para recoller alimentos. A cidadanía poderá achegar a súa axuda no punto de recollida que se habilitará desde este sábado 2 de novembro (de 17 a 20:00 h) na nave municipal detrás da piscina, no acceso ao campo de fútbol. Faino a través da chamada da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). A empresa que se encargará do envío do material solidario a Valencia será Transportes Víctor Domínguez Eiroa de Calo.
Se nestes horarios tiveran dificultades para as súas achegas solidarias, poden chamar ao 981716001 para coordinar a entrega.
Igualmente, o Concello de Carballo, que puntualiza arredor da DINA (Depresión Illada en Niveis Altos) pon en marcha unha campaña de recollida de alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene e produtos de alimentación e hixiene infantil. Avisan que non se admitirá roupa nin outros produtos que non sexan os demandados desde a zona afectada. Podes colaborar de luns a venres, en horario de 10.00 a 13.00, no Fórum Carballo ou na casa do concello.
O Concello de Malpica, pon en marcha unha campaña solidaria de recollida de donativos. Os veciños e veciñas que desexen colaborar poden dirixirse aos seguintes puntos de recollida, nos horarios establecidos:
- Centro de Artesanía e Tradición (Antigo Centro Comarcal) en Buño: aberto de martes a venres, de 8:30 a 15:00 horas.
- Centro Cívico de Malpica: aberto de luns a venres, de 8:30 a 15:00 horas.
- Oficinas centrais do Concello: aberto de luns a venres, de 8:30 a 15:00 horas.
As doazóns que se necesitan inclúen lanternas, pilas, produtos alimentarios, alimentos para animais, produtos de hixiene persoal, produtos de limpeza, vasoiras, caldeiros, botas e luvas de limpeza.
As persoas interesadas en colaborar na recollida, selección e embalaxe dos donativos poden poñerse en contacto co Concello, ben a través do teléfono 638 791 939 ou enviando unha mensaxe privada.
Máis novas solidarias