María Lado estrea a Galería Mulleres do Concello de Muxía
Neste mes de marzo o Concello de Muxía, a través da Concellería de Servizos Sociais , Muller e Xuventude, que dirixe Irma García Barcia, inicia unha campaña pola visibilización da aportación da muller á sociedade. A campaña leva por nome Galería Mulleres, xa que se trata dunha “galería” na que se mostrará cada mes o traballo dunha muller significativa.
O mes de marzo é o mes da poeta e actriz María Lado,unha muller nova e moi activa en diferentes eidos da arte, que ademáis é de Cee e que serve para comezar esta galería destacando o papel do Batallón Literario da Costa da Morte e especialmente das mulleres que o integran.
A poeta participará o vindeiro mes de abril nunha sesión do Kiosko Alfonso co gallo da exposición 'Mulleres. Espello de culturas'.
Galerías Mulleres
Coa Galería Mulleres o Concello de Muxía destacará o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…. cada mes estará dedicado a unha muller e repartiranse carteis nos que apareza esa muller e indicacións para informarse sobre ela ou para acceder á súa obra.
Con cada muller destacada indicarase que libro ou libros están á disposición do usuario/a na Biblioteca da Muller do Concello de Muxía, escritos por esta muller ou que fagan referencia á mesma.
Galería Mulleres nace co obxectivo de visibilizar a aportación da muller á historia da humanidade, ao mundo das ideas, das artes , das ciencias …ámbitos nos que tradicionalmente apareceu infrarrepresentada.
Ao mesmo tempo serve como difusión do servizo da Biblioteca da Muller, servizo integrado dentro da Biblioteca Municipal de Muxía dende finais do ano 2008 . A Biblioteca da Muller conta con 440 títulos no seu fondo bibliográfico. A Biblioteca da Muller inclúe obras escritas por mulleres, sobre mulleres ou sobre temáticas que afectan á muller …así haberá obras sobre feminismo, obras sobre filosofía, antropoloxía, arte, literatura infantil, poesía, novela…. escritas por mulleres ou que aborden todos estes temas dende unha perspectiva de xénero.