Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Muxía celebrou o Día Mundial da Poesía da man da Fundación López Abente

Muxía celebrou o Día Mundial da Poesía da man da Fundación López Abente

Para celebrar o Día Mundial da Poesía, que se celebra hoxe luns 21 de marzo, a vila de Muxía tornaba onte a prosa polo verso para realizar un sinxelo e emotivo acto. Como toda actividade cultural que se prece na Costa da Morte, a participación da veciñanza non foi a mellor, pero xa se sabe que a poesía índa non é unha afeccion moiritaria.

Así e todo o acto foi moi bonito. Ata houbo veciños que participaron lendo versos de López Abente. I é que a Fundación do autor galego é a que xa dinamiza esta clase de eventos na vila muxiá e en toda a Costa da Morte. A súa forma de entender a poesía e o país é un exemplo para que os hoxe loitan contra os queren ver morrer a lingua galega. De feito, aseguran que "mentres exista un poeta escribindo na lingua galega, o noso idioma seguirá vivo, e a poesía seguirá a ser esencial para o noso país".

Foi o presidente da entidade, e alcalde, Félix Porto, o que deu lectura do manifesto que podemos ler abaixo. Posteriormente, dous dos artistas que fan da batalla burocrática de crear unha fundación un poema, Rivadulla Corcón e Miro Villar (protagonista estes días por rexeitar, con moita valentía, o premio do Faro Nerio), leron versos de Abente cos que estremeceron ao público asistente.

Manifesto da Celebración do Día Mundia da Poesía na Fundación López Abente de Muxía

Desde o ano 2001 a UNESCO chama á celebración do Día Mundial da Poesía / World Poetry Day cada 21 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera, co obxectivo primordial de consagrar a palabra como canle de comunicación esencial para a reflexión. Desde aquela todos os anos este evento convértese en planetario, xa que se desenvolven actos poéticos de maneira simultánea nas máis importantes cidades e poboacións do mundo, nesa xornada e en datas achegadas.

Na mensaxe de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, con motivo do Día Mundial da Poesía / World Poetry Day do pasado ano, salientábase:

  • “Toda lingua ten a súa poesía e cada ser humano posúe as claves da súa propia poética. O mesmo en formas sinxelas ou ornamentadas, a poesía capta os aspectos da experiencia humana máis difíciles de traducir. A poesía expresa o inefable, que constitúe o fondo común do misterio humano”.

A Fundación Gonzalo López Abente manifesta a súa adhesión a esta declaración anual da UNESCO e celebrou este Día Mundial da Poesía do 2011 o sábado 19 de marzo cunha lectura pública da súa obra poética na que participaron sobranceiros poetas da nosa comarca e as veciñas e os veciños que quixeron ler algún texto da súa autoría.

A obra literaria do muxián Gonzalo López Abente (Muxía, 1868-1963) é polígrafa, pois foi dramaturgo, ensaísta e narrador, mais sobrancea a súa obra poética, con sete libros publicados: Escumas da ribeira (1911?); Alento da raza (1917); Do outono (1924); Nemancos (1929); Centíleos nas ondas (1958) e os póstumos Decrúa (1966) e Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca (1971). E aínda un inédito, Bretemada, de próxima aparición.

O primeiro texto literario que se coñece de López Abente apareceu publicado postumamente dentro do libro Decrúa (1966) nun apartado final de "Recobrados" que inclúe o poema "Un velorio nunha aldea", datado en 1899, cando o poeta tiña 21 anos e aínda non estaba plenamente incorporado á escrita monolingüe en galego que o ía caracterizar en andando o tempo. E proba da súa preferencia pola lírica é que o seu ingreso en 1926 no Seminario de Estudos Galegos faino cunha lectura de poemas cando eran máis habituais os discursos sobre aspectos culturais.

Velaí pois que a mellor homenaxe coa que a Fundación pode lembrar ao poeta ha ser esta lectura pública dos seus versos por parte das persoas que son os destinatarios naturais da súa mensaxe. E tamén lembrando o necesario que segue a ser posicionarse como homes e mulleres que queren desenvolver a súa vida en lingua galega con plenos dereitos para facelo, un posicionamento que caracterizou o compromiso vital e como autor de Gonzalo López Abente.

Neste sentido a palabra poética expresada no idioma propio do noso país, o galego, estáo sendo no idioma creado ao longo dos séculos polos nosos antepasados, e polo tanto ven a unirnos a eles ao pronunciar as mesmas palabras que xa foron pronunciadas en épocas moi anteriores, e fainos así formar parte dunha estirpe milenaria, e ser homes e mulleres coas raíces asentadas profundamente nunha cultura digna e dignificadora, que ten no feito poético un dos seus fitos fundamentais, cando os trobadores medievais conseguiron facer do galego unha das linguas cultas de Europa.

Gonzalo López Abente como continuador da fonda tradición poética da nosa cultura é exemplo para as xeración actuais, e por iso queremos neste día expresarlle o noso recoñecemento, como a todos os poetas que fixeron e fan a súa obra en galego, cun sentimento de pertenza a nosa cultura.
Mentres exista un poeta escribindo na lingua galega, o noso idioma seguirá vivo, e a poesía seguirá a ser esencial para o noso país.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios