Muxía perde o primeiro prazo para aprobar o POS
Pode ser o de Muxía o único concello da comarca que quede sen POS, tomando o negativo exemplo do veciño Ponteceso , que este ano si que o aprobou in extremis. A falta de negociación e consenso continúa sendo a premisa dun pleno tipo “sálvame” que volveu ver a vergonza da veciñanza, e que volveu esperar á última hora para intentar sacar adiante máis de 550.000€ do plan provincial.
E iso que en maio o alcalde se comprometera a negociar, e que en decembro os edís non adscritos presentaban as súas 4 propostas para chegar a un acordo.
Finalmente, no pleno da noite do pasado mércores saía rexeitada a proposta do grupo de goberno cos votos en contra de PP e non adscritos, e o voto a favor do PSOE e do edil do BNG, que viña de consensuar a inclusión da nova depuradora do lugar de Quintáns no Plan.
O xoves, a 24 horas de que remate o prazo para presentar as propostas á Deputación, o alcalde enviaba un correo electónico ofrecendo a posibilidade á oposición de presentar a súa proposta alternativa. A proposta dos dous grupos da oposición, que tiveron que poñerse dacordo en apenas 13 horas, entrou en tempo, ás 23:47h do pasado xoves, para intentar ser aprobadas nun pleno que se celebraría hoxe venres.
Pero finalmente non haberá pleno. Segundo nos informa o grupo de non adscritos o alcalde pediría máis prazo á Deputación, pero dende o grupo de goberno non confirman este paso.
A proposta da oposición
A voceira do PP, Sandra Vilela, que pedia xa en xaneiro a negociación tacha de “extorsión” que o alcalde obrigue a preparar e presentar os proxectos do POS en 13 horas. Vilela aproveitou para pedir desculpas aos veciños polo que cualificou de “bochornoso” pleno do pasado mércores.
Mónica Vilela, voceira dos non adscritos, tamén foi moi crítica, lamentando que “en 13 horas, tivemos que presentar unha proposta para a que o alcalde tivo varios meses”.
A nova proposta consensuada por PP e non adscritos, que evita meter gastos correntes (“o Concello de Muxía ten cartos”, aseguran), dos non adscritos inclúe as seguintes obras:
- 2° fase saneamento e camiños interiores de Frixe.
- Camiños interiores de Sorna.
- Pista Armear - Labexo (non o vial).
- Vial das Agreiras a Castelos;
- Vial en Caberta.
Negocie o orzamento
Por outra banda, a portavoz dos populares reclamou tamén que o executivo local póñase a traballar para negociar os orzamentos deste ano, un documento, lembrou Vilela, que debería estar listo desde o pasado 31 de decembro.