Venres. 25.09.2020
El tiempo

Muxía prepara un ciclo de visitas guiadas polos seus recunchos

Presentación dos roteiros Visita Muxía
Presentación dos roteiros Visita Muxía
Muxía prepara un ciclo de visitas guiadas polos seus recunchos

6 roteiros polos lugares máis especiais de Muxía forman a proposta turística coa que o Concello de Muxía quere dicir adeus a este singular verán de 2020. Onte, o grupo de goberno presentaba o ciclo “Visita Muxía”, unha serie de visitas guiadas para poñer en valor o territorio.

Para formalizar as inscricións (hai 25 prazas por orde de inscrición), haberá que enviar un correo electrónico ao enderezo [email protected] ou chamar ao teléfono 981 74 23 65.

As saídas

ROTEIROS Visita Muxia

As saídas comezan este vindeiro sábado 29 co roteiro ‘A riqueza de Moraime’, ás 18:00 horas. Da man de Xan Fernández explorarase a riqueza do enclave histórico de San Xiao, declarado Ben de Interese Cultural. Ao remate do mesmo haberá un concerto do grupo Lulavai, coas arpas como protagonistas.

O día 3 de setembro toca a saída ‘Lendas co solpor’ ás 20:00 horas. Este será un encontro especial nas pedras da Barca, xa que en compañía do solpor, falarase da historia do lugar.

O día seguinte, o 4 de setembro, ‘A historia entre rúas’ comezará ás 18:00 horas. Percorreranse os lugares clave da historia da vila para poder narrala dun xeito máis interactivo, camiñando tanto por vestixios únicos da arquitectura popular mariñeira como por espazos que algún día fixeron latexar estes lugares.

Os oficios locais protagonizarán a ruta do xoves 10 de setembro, que dará comezo ás 18:00 horas .O encaixe e o secado do congro, xunto coa pesca, foron os medios de subsistencia tradicional da Muxía de antes.

Un día máis tarde, o venres 11 de setembro, ‘De pedra en pedra’ terá como hora de inicio as 18:00 horas. Neste roteiro que percorrerá case todo o litoral da vila, desde o paseo da Barca ata a Langosteira. Achegarase a toponimia das pedras e cabos locais, así como as palabras empregadas pola xente do mar no seu día a día que forman parte do patrimonio inmaterial que, cremos, é necesario revitalizar.

A última ruta será o sábado 12 de setembro as persoas interesadas poderán subirse ao barco Eureka e percorrer este roteiro ‘Muxía desde o mar’. O horario aínda está sin confirmar, e os grupos serán de máximo 12 persoas. Poderanse observar enclaves únicos como a Punta da Barca, a Furna da Buserana ou as distintas praias de Muxía.

comentarios