Muxía vive o rexurdimento da Fundación López Abente coa reedición de "Buserana"
O pasado mes de marzo Muxía celebraba a resurrección da Fundación Gonzalo López Abente. Un rexurdimento que vén acompañado de accións, como a que se vai vivir este domingo 14 de decembro ás 18 horas, coa presentación na Biblioteca Municipal de Muxía da nova edición da novela "Buserana" (1925) do escritor muxián máis salientable.
A entidade, co apoio do Parador de Turismo Costa da Morte, decidiu realizar esta reedición desta noveliña en galego actual, e tamén traducida aos idiomas castelán e inglés, coa finalidade de dar a coñecer esta pequena obra narrativa a un público máis amplo. Da edición ao galego actual encargouse Suso Sambade Soneira, da tradución ao castelán Rosalía Sambade Vázquez e da tradución ao inglés Minia Bongiorno GarcíaBuserana, unha das catro narracións curtas de López Abente, cumpriría deste xeito a función de divulgar a figura do noso escritor local máis emblemático, e ao mesmo tempo, difundir elementos singulares do noso patrimonio coma o conxunto histórico de Moraime, a lenda da Buserana ou a vila de Muxía.
Esta terceira noveliña de López Abente está ambientada na parroquia de Moraime, coñecida pola súa magnífica igrexa románica e a súa casa reitoral. A obra desenvólvese ao redor da festa de San Xián, patrón da parroquia, evento que se celebra o 7 de xaneiro, onde o irmán do protagonista era párroco.
A breve obra narrativa, de corte costumista tradicional, narra a lenda da Buserna, contada por Álvaro, un don Xoán mozo universitario que visita ao irmán pola festa e pretende namorar a Andrea, filla da criada do seu irmán Eduardo, unha fermosa e inxenua moza. Este namoramento irresistible e irresponsable, contado cunha estética modernista, traerá consigo consecuencias case tráxicas e sobre todo inesperadas.
O narrador-protagonista descríbenos cunha delicadeza impresionista os personaxes tanto señoriais como populares en relación coa festa do patrón á saída da misa, así como no xantar farturento que ofrece o párroco ás amizades e autoridades do concello. Tamén nos narra da mesma forma delicada e chea de matices líricos os vínculos que mantén coa veciñanza da vila onde nacera e a chegada das embarcacións mariñeiras ao porto muxián.
Máis novas sobre López Abente
ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE
- 2023: No centenario de dous poemas de Gonzalo López Abente na Revista Portuguesa 'A Águia'
- No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente.
- A autopoética de Gonzalo López Abente na “Escolma de Poesía Galega IV. Os contemporáneos (1955)”, de Francisco Fernández del Riego.
- Fin do ano, un poema de Gonzalo López Abente.
- Manuel Rodríguez Louro «Marrolas», do Monte Pindo a Mauthausen.
- Miro Villar (Setembro 2020): No centenario da versión francesa de Philéas Lebesgue do poema «O carreteiro» de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Xullo 2020): "Abalando", unha descoñecida autotradución castelá de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Marzo 2020): A RAG celebra o 142 aniversario de López Abente compartindo varios poemas póstumos
- Miro Villar (Xullo 2019): Ana Varela Miño leva o VI Premio de Poesía Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2019): Esta é noite de Nadal!, un poema de Gonzalo López Abente
- Miro Villa (2019): No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2017): Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2017: «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2011): Unha viaxe pola metonimia galega a través da Bretemada de López Abente.