Martes. 07.04.2020
El tiempo
Miro Villar
12:19
23/12/19

Esta é noite de Nadal!, un poema de Gonzalo López Abente

Familia do poeta Muxian Lopez Abente
Familia do poeta Muxian Lopez Abente
Esta é noite de Nadal!, un poema de Gonzalo López Abente

A literatura galega, coma outras con raiceiras na cultura cristiá, é prolífica en cantos de nadal. Unha temática que non lle pasou desapercibida ao académico Xesús Alonso Montero que, malia se autodefinir adoito como ateo e marxista, escribiu o artigo “O nadal nas letras galegas (1940-1979)”, que se publicou en Madrygal, Revista de Estudios Gallegos, 10 (11-33), Madrid, 2007, que edita o Centro de Estudos Galegos. Facultad de Filología. Universidad Complutense.

No devandito texto o profesor sinala: «Eu posúo unha colección non desdeñable con textos de Aquilino, Celso E. Ferreiro, Manuel María, Ben-Cho-Shey, Xosé M.a Álvarez Blázquez, Arcadio López-Casanova..., razón pola cal estes non son anteriores a 1959, ano no que eu imprimín o meu primeiro nadal. Curioso do xénero, teño feito algunhas indagacións, froito das cales hai na miña

coleción nadais anteriores: de Aquilino (1948, 1949), de Celso Emilio (1951, 1955, 1956), de Manuel María (1952)...».

Porén, nas súas eruditas referencias non se cita un poema de Gonzalo López Abente intitulado ¡Esta é noite de Nadal! e que se publicou na revista Vamos, Órgano del Colegio Minerva, Santiago de Compostela, 35, decembro de 1957. Compileino no apartado [Dispersos e Inéditos] na Poesía Completa de Gonzalo López Abente, Espiral Maior, 2012, en coedición coa Fundación López Abente. 

libro Abente-Poesía Completa Capa

Malia que algunhas fontes citan 1948 como data de inicio, segundo a páxina do centro educativo que a acubilla a revista Vamos «Nace en 1951, con el Colegio M. Peleteiro. Ya desde sus orígenes contó con la colaboración de los alumnos, a quienes iba dirigida, si bien en ella colaboraban también profesores del centro y firmas más o menos prestigiosas vinculadas a la Universidad de Santiago o a la cultura gallega». E nese espazo virtual tamén coñecemos que o «Colegio Manuel Peleteiro nace a principios de los años cincuenta. Rodeados de un prestigioso equipo de profesores, Don Manuel Peleteiro y su esposa Doña Dolores Ramos consiguen llevar a las aulas de la Academia Minerva (1951) una nueva concepción educativa: la formación integral de personas capaces de afrontar su futuro autónomamente. El reconocimiento externo a su buen hacer no se hace esperar. Los excelentes resultados académicos provocan un incremento vertiginoso en la demanda de plazas. En 1957 se impartíó el primer curso en el edificio de la calle República Argentina».

A día de hoxe descoñecemos a razón pola que o poeta muxián Gonzalo López Abente enviou este canto de nadal á revista compostelá Vamos e que viu a luz en decembro de 1957. Cómpre lembrar que nesa década dos cincuenta a súa escrita literaria non era moi vizosa aínda que nesa altura comezan a escoitarse as voces que o reivindican, así o núm. 1 da revista Nemancos (1953), que dirixía o ceés Baldomero Cores Trasmonte, reclamará unha homenaxe a López Abente "retirado das loitas profesionaes" e o poeta Avelino Díaz, director da revista  Galicia da Federación de Sociedades Galegas, en Bos Aires, dedícalle o poema “Virá a primaveira” no seu libro Arumes ao vento. Versos galegos (1953).

Nesa década dos cincuenta López Abente dá ao prelo a súa colectánea de poemas Centileos nas ondas (1958), aínda que a súa feitura é evidentemente anterior, imprímese dentro do labor de recuperación literaria que nesas datas está a facer a editorial Galaxia, facendo parte da colección “Trasalba” e que en testemuño de Méndez Ferrín pagou Xaime Illa Couto. Trátase dun libro de poemas mariñeiros, publicado cando López Abente tiña xa oitenta anos e era o vicedecano dos escritores galegos, con dous menos que Ramón Cabanillas, e os versos afortalan aquela apreciación de Vicente Risco de que estamos diante do noso poeta do mar.

Tamén nesa década dos cincuenta López Abente publica varios poemas na revista Vida Gallega, que viña de iniciar unha segunda etapa en novembro de 1954 da man do editor Iglesias Presa, entre eles “No coroamento da Virxen da Barca”. E o seu canto de nadal está na liña desta poesía relixiosa, ás veces mística, de quen xa sente a vellez pois finou o 23 de xullo de 1963, á idade de 85 anos, na casa de seu na rúa Virxe da Barca.

Seis anos antes escribía este único canto de nadal na nosa lingua que conservamos. Velaquí:

¡ESTA É NOITE DE NADAL!

   A nobre dona dirixe
o gran trafego do pazo
entre mozas de servizo
que alibran ben o traballo.

O siñor foi para o monte
moi cediño dacabalo
a ver se mata ese lobo
que anda de noite oubeando.

O mórdomo está a correr
cal raposo tras dos galos,
e abren a boca as tinallas
ofercendo os seus engados.

O lusco-fusco a orazón
da serán vai espallando
cando pregan as ingrexas
i-ecoan os campanarios.

  Noite pecha, erguede a frente
e ollade o milagre; ollái
que centilando no ourente
orvallo de ouro se fai.

Unha estrela a rebrilar
entre alcendidos apagos
polos ceus corre a buscar
ós tres podentes Reis Magos.

  Nas crabalizas a Dona
chora un regalo de amor;
un cego tanxe a zanfona
e prega a nobre Señor.

Esperto o eco resoa
riba do pequeno val:
  «Esta noite é Noite Boa
esta é Noite de Nadal».

  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

Novas relacionadas

Artigos sobre López Abente

Outros artigos de Miro Villar en QPC

comentarios