Ana Varela Miño leva o VI Premio de Poesía Gonzalo López Abente

Xa temos o premio do VI Premio de Poesía Gonzalo López Abente, que outorga a Fundación muxiá. O xurado, composto polos poetas Noelia Gómez Calvo, Xulio Cid Neira e Xesús M. Sambade Soneira, Secretario da Fundación con voz e voto, decidiron por unanimidade conceder o Premio de Poesía Gonzalo López Abente ao poemario Onde nacen as hedras presentado co lema "Pitia", que corresponde ao nome de Ana Varela Miño.
Xurado do Premio de Poesia Lopez Abente
”En Onde nacen as hedras atopamos coherencia e cohesión en todo o percorrido poético, desde o título, as citas introdutorias de Anne Carson e Louise Grück, ata o propio corpo do texto·, explica Sambade. “Trátase dun poemario que dá sinais, prevé o baleiro, abre as fendas do que xa non é, ata chegar a habitar o oco, ese lugar onde nacen as hedras. Neste tránsito, a escrita actúa como o oráculo que todo o ve, que todo o cose, incluso a ruína. Sen dúbida, estamos ante o poetizar coidado e puído, que se revoluciona a si mesmo en cada poema. Unha linguaxe suave como o tacto da folla, composta de palabras que gabean pola lectura, como hedras”.
O premio será outurgado este vindeiro venres 26 de xullo no Salón do Voluntariado de Muxía, nun acto que ademais servirá para presentar o libro da gañadora da pasada edición.
Novas sobre os Premios López Abente
- V Premio (2018): Noelia Gómez publicará o seu primeiro libro tras vencer o V Premio de Poesía Gonzálo López Abente.
- IV Premio (2017): Eli Ríos gaña o IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente.
- III Premio (2016): A Fundación López Abente premiou a viaxe ás nosas aldeas de Emma Pedreira.
- II Premio (2014): A Fundación López Abente presentou o poemario do seu II Premio de Laureano Xoaquín Araujo.
- I Premio (2013): Daniel Salgado leva o compromiso aos versos gañadores do I Premio de Poesía López Abente.