No centenario de dous poemas de Gonzalo López Abente na Revista Portuguesa 'A Águia'

«De 1923 tamén é a súa primeira publicación nunha revista portuguesa, moi frecuentada polos autores galegos, trátase de A Águia, onde vai aparecer o seu poema “Iñoranza”, á que vai seguir “Como ti queiras”, poema publicado no núm. 6 da revista Tríptico de Coimbra».
Velaí a anotación que escribín no Limiar da Poesía Completa de Gonzalo López Abente que se publicou en 2013, hai unha década, na colección Opera Omnia das edicións Espiral Maior, selo dirixido polo poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, unha compilación realizada por encomenda dos meus compañeiros da extinta Fundación Gonzalo López Abente.
Nesa altura a revista A Águia non estaba dixitalizada e era a referencia que eu manexaba. Porén desde hai un tempo pódense consultar libremente a totalidade dos números desta lonxeva publicación literaria (nesta ligazón), por iniciativa do Seminário Livre de Histórias das Ideias da Universidade Nova de Lisboa, e cando abrín o número no que colaborou o poeta muxián a sorpresa foi maiúscula pois ademais do soneto «Iñoranza», na páxina 40 e do que xa tiña noticia, tamén se incluía outro soneto intitulado «Despida», na anterior páxina 39, tal e como testemuñan as imaxes que acompañan este artigo, onde tamén se pode observar a gralla na sinatura dos poemas que aparece como Gonçalez Abente. O poeta muxián Gonzalo López Abente incluíu estes dous poemas no seu sonetario D'Outono (A Coruña: Editorial Ronsel, 1924).
A Águia. Revista bimensal de literatura, arte, sciência, filosofia e crítica social, aínda que despois tamén tivo periodicidade mensal e ás veces irregular, publicouse no Porto, entre 1910 e 1932, como órgano do movemento cultural e literario autodenominado a Renascença Portuguesa. Nas súas páxinas colaboraron varios escritores galegos do momento e cando o fai Gonzalo López Abente, no número dobre 17-18 (Novembro e Dezembro de 1923), estaba dirixida por Leonardo Coimbra e António Carneiro. Co primeiro, filósofo de prestixio, o poeta muxián debeu manter algunha correspondencia epistolar (da que non se conserva testemuño, aínda que si a temos do portugués con Risco, conservada na Fundación Vicente Risco) e froito desa amizade é que no citado libro D'Outono o soneto intitulado «Rosalía» leva a dedicatoria: A Leonardo Coimbra.
Velaquí os dous poemas no libro D'Outono, para compararmos cos versos publicados na revista. Entre as dúas versións non hai apenas mudanzas lingüísticas, en «Despida» uns acentos e en «Iñoranza» a máis salientable é mágua e d'agua na revista por mágoa e d'ágoa no libro.
DESPIDA
Muller xentil, arrescendente rosa,
botón de fror, ensoño feiticeiro;
raiola vesperal d'outo luceiro,
e linfa da fontela rumorosa.
Fada resprandecente, linda diosa,
derrubeime âs tuas prantas prisioeiro
en busca do feitizo derradeiro
a que aspira a nosa alma desexosa.
E cando as miñas mans fono tirando
das galas en que estabas envolvida,
e foron os meus ollos contemprando
a miseria da carne corrompida,
mudo de pena e de dolor tremando,
vin a verdade diante min despida.
IÑORANZA
Amada miña, câl de frol galana
arrescendín o teu prefume soave;
a ti apreixado en ilusoria nave
o mar crucei da xuventú louzana.
Do teu amor na fonte soberana
bebín devoto, repousado e grave;
voiéi no ensoño, como voia unh'ave
no azul imenso da rexión lonxana...
I-hoxe, adourada, cando volvo a verche
entendo que non puiden conocerche,
i-esta iñoranza no meu peito é mágoa,
por que ês pra min, linda muller que abrazo,
coma un microbio n-unha pinga d'ágoa
ou unha estrela no infinito espazo.
- Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE
- No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente.
- A autopoética de Gonzalo López Abente na “Escolma de Poesía Galega IV. Os contemporáneos (1955)”, de Francisco Fernández del Riego.
- Fin do ano, un poema de Gonzalo López Abente.
- Manuel Rodríguez Louro «Marrolas», do Monte Pindo a Mauthausen.
- Miro Villar (Setembro 2020): No centenario da versión francesa de Philéas Lebesgue do poema «O carreteiro» de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Xullo 2020): "Abalando", unha descoñecida autotradución castelá de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Marzo 2020): A RAG celebra o 142 aniversario de López Abente compartindo varios poemas póstumos
- Miro Villar (Xullo 2019): Ana Varela Miño leva o VI Premio de Poesía Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2019): Esta é noite de Nadal!, un poema de Gonzalo López Abente
- Miro Villa (2019): No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2017): Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2017: «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2011): Unha viaxe pola metonimia galega a través da Bretemada de López Abente.
Outros artigos de Miro Villar en QPC
- Unha cala sobre os fillos adoptivos da nosa literatura.
- Combatendo os prexuízos sociolingüísticos. "Galicia, lo gallego y los gallegos", de Fernando Cabeza Quiles, nova edición, en castelán.
- O Berrón (1987-1991) no Dicionario da Literatura Galega.
- A Costa da Morte na obra de Florencio Delgado Gurriarán.
- Darío Xohán Cabana esquecido en Corcubión?.
- Boletín de la Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía (Buenos Aires, 1923-1934), cabeceira da prensa costeira dixitalizada no Repertorio da Emigración Galega
- A potencia simbólica do topónimo Fisterra
- "Kurkuilua modu minorrean", "Buguina en modo menor", poema de Miren Agur Meabe en Ara do mar. Poesía a Fisterra, que compilou Alexandre Nerium.
- Unha tradución de Antón Zapata García na revista Ressorgiment (1936).
- Os irrefutables argumentos de Xosé María Lema en Pola nosa lingua. Unha década de artigos en defensa do galego (2009-2019).
- «Cidades neón», un poema manuscrito de Xela Arias na revista Carnota.
- O poeta laxés Antón Zapata García «prófugo» da xustiza española.
- Os poemas a Castelao do laxés Antón Zapata García e do muxián Xervasio Paz Lestón.
- Aramados: "os meus nove meses polos campos de concentración de Francia". Manuel García Gerpe.
- Unha nova achega sobre os presos da Costa da Morte no «Fuerte de Ezkaba» na posguerra.
- Contra vento, maré e coronavirus. A Costa da Morte en Nova Ardentía, 12. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial
- A presenza da Costa da Morte no volume “Os restos do franquismo en Galiza”
- Os poemas manuscritos da revista Carnota.
- A 35 anos da publicación da revista muxiá Decrúa (1985-1986).
- Fisterra e as fisterras na poesía de Luz Pozo Garza.
- Lugar de incendios, no terceiro cabodano do poeta Paco Souto.
- Bazarra, un topónimo singular do noso territorio.
- Lecturas costeiras: Antoloxía de Dombate
- Lecturas costeiras: Vagabundos, solitarios e sentimentais, de Rivadulla Corcón e ilustracións de Correa Corredoira.
- Castelao, Chateaubriand e a cidade corsaria de Sant-Maloù.
- Unha lectura da guía "O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira", do SEMESCOM.
- O mecenado como mostra de amor á Terra: “Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal”, de Xosé María Rei Lema.
- A depuración do maxisterio da Costa da Morte polas autoridades franquistas.
- As Illas Lobeiras en dous proxectos musicais da Costa da Morte.
- O Monte Corpiño, de Muxía, nun poema de Filomena Dato Muruais datado en 1894.
- A lembranza de trece homes da Costa da Morte nos campos de concentración nazis.