Sábado. 19.09.2020
El tiempo
Miro Villar
11:38
16/07/20

"Abalando", unha descoñecida autotradución castelá de Gonzalo López Abente

Poema manuscrito "Abalando", de Gonzalo Lopez Abente
Poema manuscrito "Abalando", de Gonzalo Lopez Abente
"Abalando", unha descoñecida autotradución castelá de Gonzalo López Abente

A nosa compilación da Poesía completa de Gonzalo López Abente, publicada en 2013 por Espiral Maior en coedición coa Fundación López Abente, no apartado intitulado «Poemas traducidos a outros idiomas», daba conta da existencia de tan só tres textos do poeta muxián versionados noutras linguas, aos que habería que engadir outros dous poemas traducidos ao castelán que se publicaron despois nese mesmo ano, "O castro" e "A miña terra" en Sinfonía Atlántica. Antología general de la poesía gallega, edición bilingüe, selección, estudo e tradución de Carlos Clemetson, Madrid, Editorial Eneida, 2013.
No Limiar da Poesía completa explicábase polo miúdo a localización dos anteriores: 

Tan só coñecemos tres poemas de Gonzalo López Abente traducidos: un ao francés, outro ao castelán e outro ao portugués (pois noutras revistas portuguesas aparece no orixinal en lingua galega). Velaí:

  • "Le charretier", Nós, 1, 30 de outubro de 1920. (Versión ao francés de Philéas Lebesgue, recollida de Les Tablettes. Boletín mensual de Saint Raphaël-Vas, do poema «O carreteiro»). O orixinal publicouse en Alento da raza.
  • "El abrazo", Caras y Caretas, Bos Aires, 1303, 22 de setembro de 1923. Debaixo do título sinala: (Traducción del gallego por Antonio Zapata García del libro «Alento d'a Raza»).
  • "Como ti queiras", Tríptico, Coímbra, 6, 15 de xaneiro de1925. O orixinal publicouse en D'Outono. Na versión portuguesa, da que descoñecemos a autoría, hai unha serie de grallas (como o uso do ñ no canto de nh en ‘mansiña’, ou o uso do x no canto de j na forma verbal ‘sexa’) e o autor aparece como Gonzalo Lópes Abente. Tamén se engade: Do livro no prelo «D’Outono».

Porén, a nova de que, coincidindo co 142 aniversario do nacemento do poeta Gonzalo López Abente, a Real Academia Galega (RAG) fixo pública a dixitalización e difusión dos documentos relativos ao poeta e á súa obra, a través do Arquivo Dixital de Galicia, trouxo á luz unha versión autógrafa dunha autotradución ao castelán do poema "Abalando", que na versión orixinal en galego é o XIII do libro Monza de frores brancas para Nosa Señora da Barca, un pequeno poemario manuscrito que  o poeta depositara na Academia e que foi exhumado e editado pola propia RAG en 1971 cando se lle dedicou O Día das Letras Galegas.

Nas nosas intensas pescudas nos arquivos da RAG, anos atrás e cos fondos noutras condicións, non chegamos a coñecer esta autotradución que aparece manuscrita nun envelope de Impresos da empresa madrileña Euramérica S. A., dirixido a Gonzalo López. Abogado. Mugía. Coruña.

O envelope reciclado data de 1955, mais non podemos precisar cando o poeta decidiu usar ese papel para escribir a súa autotradución, mais non debeu ser moi lonxe da data. Nesa altura tiña xa 77 anos, o que explica a súa irregular caligrafía. Ao tratar de manter a métrica (nun verso non o consegue) e a rima do poema, como é obvio ten que sacrificar a literalidade dos versos, e como pode ollarse na imaxe realiza algunhas correccións sobre unha primeira versión, polo que aquí pódese observar perfectamente o oficio do poeta. Non temos constancia de que esta autotradución chegase a ser publicada.


Velaquí a versión publicada e a autotradución manuscrita.
        

            XIII
        ABALANDO

  Érguese a linda alborada
vistida de escentileos
e para que o amado vexa
abre as fiestras do ceo.
Refrega os ollos o sol,
espreguízase e lixeiro
pilla a súa amada e vaise
coela nas azas do vento.
Polos outos fenestrás
a parella entra no tempro
e aos pes da Virxen da Barca
a pregar cai de xoellos.
As Sombras agoniantes
acóchanse nos cornechos.
¡A nuite tírase ao mar
chorando e morta de medo!
O retabro corusquea
de ouro, de lus e contento;
os apóstolos escisman
na ceifa dos evanxeos;
cantan os anxos garridos,
gordos, risoños e ledos,
a redor da milagrosa
Raíña dos universos
que sorrí no camarín
entre brancos candieiros
e froriñas homildosas
de doce e lene arrecendo.
A Virxen deixa o milagre
fuxir do seu duro encerro,
e aló embaixo, diante dela,
con estrondo grave e rexo,
ponse soio a abanear
aquel enorme penedo...
¡Pedra de abalar bieita
que foi nave noutro tempo!


        ABALANDO
    Traducción del gallego
    hecha por su autor

  Dejó el lecho la alborada
en bata de centilleos
e abre para que amor vea
ventanas del azul cielo.
Frota los ojos el sol,
se despereza y ligero
coge a su amada y se va
con ella en alas del viento.
Por los altos ventanales
la pareja entra en el templo
y postrada ante la Virgen
de la Barca ora en silencio.
Las sombras agonizantes
se ocultan con desaliento.
¡La noche se arroja al mar
llorando y muerta de miedo!
El retablo reluciente
de oro, de luz y contento;
los apóstoles meditan
en los frutos evangélicos;
cantan los ángeles puros,
gordos, alegres, risueños,
en redor de la Santísima
Reina de los universos
que sonríe dulcemente
entre blancos candeleros
y florecillas humildes
que aromatizan el amplio templo.
La Virgen deja al milagro
huír de su duro encierro,
y abajo, delante de ella,
con estruendo grave y recio,
se pone a balancear
aquel peñascal soberbio.
¡Piedra de abalar bendita
que fué nave en otros tiempos!

 

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

ARTIGOS SOBRE LÓPEZ ABENTE

Outros artigos de Miro Villar en QPC

 

 

comentarios