Venres. 29.03.2024
El tiempo

Novembro en negro na Galería Mulleres coa Nóbel da Paz Nadia Murab

Novembro en negro na Galería Mulleres coa Nóbel da Paz Nadia Murab
Nadia Murab na Galeria Mulleres de Muxia

Dende 2010 leva Viki Rivadulla recuperando a historia en clave feminina. Son xa case un cento de mulleres que levan pasado pola Galería Mulleres, esa proposta da Biblioteca Municipal muxiá para visibilizar unha cousa tan obvia como necesariamente reseñable, o enorme papel das mulleres na nosa sociedade.

Hoxe Viki viaxa ata Irak, de onde é Nadia Murad, activista iezidí polos dereitos humanos, que despois de recibir o Premio Sajarov dos dereitos humanos en 2016 xa é Nobel da Paz 2018 polo traballo a prol da eliminación da violencia sexual contra as mulleres.

Embaixadora de Boa Vontade das Nacións Unidas para os superviventes da trata de persoas, cargo que non existía con anterioridade e foi creado para ela e a traxedia da que é voceira. No seu último ano de instituto, no verán de 2014, Estado Islámico irrompe na aldea iezidí de Kocho e Nadia é secuestrada para ser convertida en escrava sexual. Foi violada, escravizada e torturada. A nai de Nadia ,con outras oitenta mulleres , foi executada e soterrada nunha fosa común. Seis dos seus irmáns foron asasinados nunha brutal matanza.

Nadia negouse a ser silenciada. Unha noite conseguiu escapar do seu cativerio. Chega a casa dunha familia musulmá que a axuda a ir ata un campo de refuxiados de Kurdistán. E aí comeza a súa historia como defensora dos dereitos humanos, defensora das mulleres e voz das escravas sexuais que aínda están na situación pola que ela pasou, das persoas refuxiadas e das vítimas do xenocidio do pobo iezidí.

Milleiros de nenas e mozas aínda están retidas por EI. Nadia levou esta traxedia ata Nacións Unidas e outra muller, Amal Clooney, é a súa avogada para conseguir que os membros de Estado Islámico sexan xulgados polos seus crimes. O seu testemuño foi vital para que o Consello de Seguridade da ONU acordara unha resolución histórica co fin de abrir unha investigación internacional contra os crimes perpetrados polo Estado Islámico en Iraq e reunir probas que puideran ser usadas en procesos xudiciais.

Xunto con ela tamén foi premiado co Nobel da Paz 2018 o doutor Denis Mukwege dedicado a reparar os corpos das mulleres das feridas e mutilacións dunhas agresións sistematizadas coma arma de guerra.

Galería Mulleres de Muxía

Fonte

Comentarios