sábado. 01.11.2025
El tiempo

A Galería Mulleres recolle en novembro a loita da activista indíxena Nemonte Nenquimo

Continuamos viaxando pola historia en clave feminina, da man Viki Rivadulla e a través da Galería Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía.
Neste mes de novembro, imos ata o Amazonas para coñecer unha auténtica defensora da terra.

 

 

Galeria Mulleres Muxia Nemonte Nenquimo
A Galería Mulleres recolle en novembro a loita da activista indíxena Nemonte Nenquimo

Nemonte Nenquimo (Pastaza, Ecuador, 1985) é unha activista indíxena pola protección do Amazonas fronte á súa explotación económica; logrou paralizar as extraccións de petróleo nunha zona da Amazonia ecuatoriana que habitaron os seus devanceiros durante séculos. É a primeira muller presidenta dos Huaorani de Pastaza, gobernado polo Consello de Coordinación da Nacionalidade Huaorani de Ecuador-Pastaza (CONCONAWEP).

Aos 15 anos foi levada a un colexio de Quito, e alí aprendeu a ler e a escribir, pero nunca se afixo á identidade cultural que lle trataron de impoñer por sobre as súas crenzas ancestrais. Cando regresou ao seu pobo, foi disposta a axudar á comunidade indíxena ante a explotación petrolífera, a talla indiscriminada, a contaminación da auga e os incendios provocados.

En 2015 fundou a Alianza Ceibo, organización sen fins de lucro liderada por indíxenas para protexer as terras da extracción de recursos. 

Nenquimo foi a demandante contra o goberno ecuatoriano para frear a extracción de petróleo no medio millón de acres de terras ancestrais Huaorani na selva amazónica. A contaminación derivada desta actividade provocaría a morte de centos de plantas e animais –e mesmo podería prexudicar a saúde e costumes dos huaorani. Por iso cando unha empresa de petróleo, o principal produto de exportación Ecuador, propuxo un proxecto de explotación en territorio Waoran, Nemonte  foi protestar ás rúas de Quito e Puyo e iniciou un proceso xudicial. En 2018 logrou unha vitoria contra o Estado de Ecuador, mediante unha sentenza xudicial que prohibe a exploración petroleira en 180 mil hectáreas de territorio Waorani en Pastaza, sentando un precedente respecto a os dereitos indíxenas. 

Foi destacada como exemplo de solucións locais baseadas na natureza, unha das 10 gañadoras do Premio Ecuatorial 2020 e nomeada pola revista Time como unha das 100 persoas máis influíntes do mundo en 2020 (a única muller indíxena na lista e a segunda ecuatoriana en ser nomeada na súa historia). 

Nemonte advirte sobre a degradación da selva e reivindica o coidado da natureza nas súas redes sociais. E tamén en charlas, achegándose á cidadanía global mostrando os seus costumes e a realidade da degradación da súa contorna e divulgando sobre a importancia de coidar o Amazonas e a natureza. Foi recoñecida por contribuír a avanzar no Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) 15 das Nacións Unidas. O Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente outorgoulle o premio Campións da Terra na categoría "Acción e inspiración" en recoñecemento ao seu traballo.

En 2020, Nenquimo recibiu o Premio Ambiental Goldman, coñecido como O Nobel ambiental. 

«Grazas ao coñecemento dos devanceiros, dos nosos avós –vivos e mortos– sabemos que a selva nos dou a vida e é a nosa casa»

«Non utilicedes tanta gasolina e plástico, porque o que vós utilizades destrúe a nosa selva e a nosa vida. E iso vai ser unha catástrofe para todos, non só para os que vivimos na selva» 

 

15 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios