Piden ao Concello de Muxía que informe á veciñanza sobre a obriga de manter limpas as marxes forestais

Poucos son os Concellos da comarca que están facendo cumprir a Lei do Solo de Galicia, publicada no DOG en maio de 2018, que obriga aos propietarios a manter limpas as marxes forestais de protección contra incendios preto das vivendas.
Hoxe é o BNG de Muxía o que lembra esta situación e anuncia que levará unha moción para debater no vindeiro Pleno da Corporación na que esixe ás autoridades que se dea información e asesoramento efectivo á veciñanza sobre a aplicación das normativas reguladoras das marxes de protección contra incendios primarias, secundarias e terciarias, para evitar que reciban sancións ou que descoñezan que poden repoboar con outras especies estas franxas.
O grupo pide tamén contemplar nos próximos orzamentos municipais unha partida para subvencionar os gastos de limpeza e repoboación con especies autóctonas deses espazos contra incendios, empregando os fondos de compensación ambiental para financiar estas actuacións.
O grupo lembra que en 2019 impulsou unha iniciativa no pleno na mesma liña que a que presenta agora, e que foi aprobada por unanimidade pero o Concello non fixo nada ao respecto.
“O que queremos é que se axude aos veciños e veciñas, tanto dándolles orientacións e aclarándolles dúbidas como facilitándolles especies que poidan plantar ou cubrindo gastos de rozas e cortes”, sinalou a voceira municipal do BNG, Mercé Barrientos, que subliñou que “dado que antes ou despois vaise exixir á veciñanza que cumpra esta normativa, o mínimo que se pode facer é prever e botarlles unha man”.
Recoñecemento de Tralapedra
Os nacionalistas muxiáns tamén indicaron que levarán ao pleno unha iniciativa para que se realicen os trámites pertinentes para a inclusión do lugar de Tralapedra no padrón municipal, así como que se proceda a establecer a nova numeración das casas desta aldea, facilitando a cada veciño a indicación do seu novo domicilio e o soporte co número da súa casa.
Así mesmo, o BNG solicita que se notifique ás institucións e entidades pertinentes este cambio e, se procede, á oficina postal de Muxía aos efectos de facilitar a entrega de envíos postais.