Domingo. 08.09.2024
El tiempo

A Laracha tramitou máis de 200 expedientes para requirir a limpeza de franxas forestais particulares

Parcela particular en Lestón sen xestionar a biomasa
A Laracha tramitou máis de 200 expedientes para requirir a limpeza de franxas forestais particulares

O Concello da Laracha é un dos poucos Concellos que lembra á cidadanía a obrigatoriedade de conservar en bo estado de limpeza e mantemento os solares das zonas urbanas. Segundo se establece na Lei do Solo de Galicia, os titulares dos terreos teñen o deber legal de mantelos ao longo de todo o ano en bo estado de conservación e nas condicións óptimas de seguridade, salubridade e ornato público.

Así o podemos comprobar nas cifras que ofrece o Concello, que nos primeiros sete meses deste ano abriu máis de douscentos expedientes para requirir aos propietarios a adecuación e acondicionamento dos seus terreos por motivos de seguridade e saúde pública de acordo á normativa vixente. A maior parte das parcelas e solares obxecto destas notificacións sitúanse nos tres núcleos urbanos (A Laracha, Paiosaco e Caión) e zonas de periferia, pero tamén existen casos en áreas residenciais de parroquias rurais que requiren dun tratamento especial.

En todos os casos o procedemento iníciase co correspondente informe técnico municipal daqueles espazos particulares que non se atopan nas condicións óptimas de conservación e mantemento. De acordo a dito documento, o Concello procede ao envío das notificacións aos seus propietarios, requiríndolles a execución das actuacións correspondentes á maior brevidade.

Neses requirimentos advírtese de que o incumprimento da normativa vixente pode implicar a apertura de expedientes sancionadores que van desde os 1.000 (infracción leve) e ata os 100.000 euros (infracción grave), ademais de asumir o propietario das parcelas o custe das actuacións que, no caso de ser preciso, o Concello executaría subsidiariamente. 

Información

Cada ano o Concello desenvolve unha campaña informativa sobre estas cuestións, con especial incidencia na primavera e no verán por tratarse das épocas de maior crecemento da biomasa, aínda que a normativa tamén é de obrigado cumprimento nos meses restantes.

O Concello agradece á veciñanza a súa implicación e sensibilización co mantemento en bo estado de conservación das parcelas privadas, dado que na maioría dos casos ditos labores se acometen en tempo e sen necesidade de requirimentos municipais.

Máis novas

Comentarios