O PP de Muxía acusa ao alcalde de poñer en perigo os postos de traballo das piscifactorías de Lires e de Stolt Sea Farm
O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Muxía, a través da súa portavoz, Sandra Vilela, acusa o alcalde, Iago Toba, de poñer en perigo os postos de traballo das piscifactorías de Lires e de Stolt Sea Farm, despois de que o executivo local do PSOE votase en contra da moción presentada no pleno extraordinario de onte polos populares na que se pedía ao goberno central que retirase o proxecto da nova lei de Costas que afecta o futuro destas empresas. “É curioso, o PSOE de Cee pensa de maneira distinta a de Muxía. Alí o goberno local vota a favor desta moción, e no noso concello temos que soportar a un alcalde que lle dá as costas aos seus veciños e aos traballadores destas empresas”, lamentou Vilela.
Neste sentido, a portavoz dos populares cargou contra o rexedor ao que acusou de antepoñer intereses partidistas por diante das necesidades e as demandas dos veciños de Muxía. “Quédanos claro de que lado está o señor Toba. Xa sabemos que prefire quedar ben cos seus xefes de Madrid que velar pola xente que se gaña o pan dos seus fillos traballando nestas piscifactorías”, dixo.
Nesta mesma liña, os populares censuraron tamén a “hipocresía” do rexedor, despois de que este tratase de enganar aos traballadores afectados, e que estaban presentes no pleno, ao dicirlles que o seu goberno traballaría por defender os seus intereses. “Ademais dun déspota e dun mal educado por non deixarnos unha segunda quenda de intervención, o señor Toba pretende facer parva á xente ao venderlles unhas cousa e defender outra”, afirmou Vilela.
Recortes drásticos
Os populares recordaron que o borrador de novo Regulamento recorta drasticamente a prórroga extraordinaria das concesións de ocupación de dominio público marítimo terrestre, desvirtuando así o espíritu co que se creó esta figura na reforma da Lei de Costas de 2013. No mesmo sentido, o bando popular subliña que a lei reforza os requisitos necesarios para renovar as concesións e para obter prórrogas das actualmente existentes, o que prexudicará a numerosas empresas que traballan nos municipios costeiros.
Doutra banda, Vilela criticou que os cambios previstos responden a unha aposta das autoridades de Costas por un litoral libre de actividade produtiva, o que supón optar por un uso preferentemente recreativo fronte aos usos produtivos tradicionalmente vinculados ao mar.
“É un golpe na liña de flotación dun sector que é fundamental para a economía de Galicia e, en especial, para toda esta comarca que ve minguada as súas posibilidades. Aquí non vale con que os alcaldes digan que non está ben, o que deberían facer os rexedores éenfrontarse ao goberno, liderar a protesta e defender os intereses dos seus veciños, pero xa vemos de que lado póñense”, concluiu Vilela.