Venres. 26.04.2024
El tiempo

A rapazada do CEIP Vilarmide sinten a esperanza da solidariedade

Campana solidariedade CEIP Vilarmide 1
A rapazada do CEIP Vilarmide sinten a esperanza da solidariedade
Fermosa experiencia a que completaron esta semana a rapazada do CEIP Vilarmide. O centro muxián arrincaba en novembro a campaña de solidariedade vinculada ao Fogar de Sor Eusebia. Unha acción que permite concienciar á cativada dos complicados tempos de crise económica nos que vivimos, pero tamén que lles faga ver, sentir, que hai esperanza nesta sociedade a través da comunidade, da solidariedade, da axuda.

Comezaban en novembro enviándolle unha carta a esas familia que, por diferentes circunstancias da vida, acabaron vivindo nas rúas da Coruña, e que foron acollidas polo Fogar Sor Eusebia. Un Fogar que lles aporta precisamente, un fogar e unha familia.

Campana solidariedade CEIP Vilarmide debuxos

Mentres os nen@s preparaban ducias de debuxos para animar ás familias, e mesmo elaboraron unha fermosa postal de Nadal co nome de cada un dos 60 amigos que viven no Fogar, as familias das crianzas e os negocios da vila puxéronse a facer unha recollida de alimentos, pero non os alimentos indispensables (como arroz, macarróns, ...) eses poden quedar para outra campaña, senón lambonadas (turróns, doces, melocotóns…) e, se pode ser, algún pequeno regalo non usado (calcetíns, colonia, un moedeiro, zapatillas, bufanda… Cousas que fagan máis doce e máis quentiño este nadal.

Campana solidariedade CEIP Vilarmide comida

E coa cesta chea, chegou o gran día, o día de poñer rostro, de poñer nome, a esas persoas, a esas familias que tan ben reciben estes agasallos, este agarimo. Foi este luns cando chegaron ao centro para coñecer aos rapac@s e agradecerlles que, nun recuncho da Costa da Morte, un grupo de familias se acorden deles.

Impactante foi a charla con Carlos (asistente social) e Nuria (terapeuta ocupacional), ademais de Bellón, Chuco, Felipe e Alberto (catro dos residentes que alí viven) na que explicaron como é a vida diaria nun “Centro de Inclusión Social”. @s nen@s tiveron ocasión de coñecer, de primeira man, unha realidade próxima e ao mesmo tempo descoñecida. Preguntaron, opinaron, falaron e, por último fixéronlles entrega das postais e de todo o material recollido.

Dende o centro queren agradecer todos e cada uns dos agasallos e da implicación das familias, negocios e veciños en xeral neste “pequeno proxecto solidario que desbordou todas as nosas expectativas”, recoñece Luísa Gerpe.

Campana solidariedade CEIP Vilarmide charla

Novas relacionadas

Comentarios