O CEIP de Vilarmide fai un Nadal máis doce para os usuarios do Fogar Sor Eusebia
Necesarias e concienciadoras son as mostras de solidariedade que se realizan nos centros de ensino. Como esta recollida de lambonadas que veñen de realizar no CEIP de Vilarmide Eduardo Noya de Muxía, que coa intención de darlle un sabor solidario e doce a este Nadal, veñen de recoller unha manchea de lambonadas e regaliños para os usuarios que viven no coruñés Fogar de Sor Eusebia.
”Sabemos que estes son tempos nos que a crise económica e o medo ao que poida pasar está afectando ás nosas vidas. Mais os nos@s nen@s teñen que sentir que hai esperanza”, explica Luisa Gerpe. Teñen que ver un futuro cheo de solidariedade. Teñen que ser conscientes de que, dentro das nosas posibles limitacións, sempre hai alguén a quen poidamos axudar”.
Para demostrarlle a esas persoas que por circunstancias da vida acabaron vivindo na ría, e que agora gracias a este Fogar teñen unha familia, o centro quere “poñerlle nome e rostro a estas persoas, para que teñan un Nadal especial. Para que saiban que no colexio de Vilarmide Eduardo Noya, pensamos neles”.
Ata hoxe venres aínda está aberta a recollida de lambonadas (turróns, doces, melocotóns…) e, se pode ser, algún pequeno regalo non usado (calcetíns, colonia, un moedeiro, zapatillas, bufanda … sen envolver).
Dende logo, “un fermoso xeito de que a rapazada coñeza outras realidades moi próximas a nós e reflexionen que, dalgunha forma, somos uns privilexiados”, valora Gerpe.