Xoves. 02.05.2024
El tiempo

As traballadoras do SAF de Muxía exixen unha solución definitiva aos retrasos dos pagos dos seus soldos

traballaduras do SAF de Muxa esixindo o seu soldo
As traballadoras do SAF asístiron ao pleno muxián
As traballadoras do SAF de Muxía exixen unha solución definitiva aos retrasos dos pagos dos seus soldos

Xa avisaba o BNG a semana pasada, e onte, as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Muxía non aguantaron máis e saíron á rúa e se presentaron no pleno para exixir unha solución definitiva aos reiterados atrasos no pago dos salarios. Asi o denuncia hoxe tamén a CIG que reclama ao Concello que cumpra co acordo e licite xa o novo contrato ou ben recupere o servizo e pase a súa xestión directa.

A realidade é que os atrasos nos pagos das nóminas por parte da empresa concesionaria son continuos, debido a que o Concello de Muxía incumpre mes tras mes o pago en tempo das facturas correspondentes á empresa. "O Goberno municipal pon sempre como desculpa a esta situación problemas administrativos (modificacións de crédito, etc) dos que as traballadoras non son responsábeis, como tampouco o son da xestión e circunstancias políticas do momento", denuncia a CIG, que lembra que o grupo de goberno "incumpre reiteradamente o acordo acadado coa representación social en decembro de 2022 polo que se comprometía a inciar de inmediato os trámites para a licitación do servizo".

O secretario da Unión Local da CIG de Cee, Xabier Santos, subliña que Servizo de Axuda no Fogar "é un servizo máis que presta o concello de Muxía, como calquera outro de xestión directa, e as traballadoras que o realizan teñen exactamente o mesmo de dereito a recibir os seus salarios que calquera outra persoa traballadora do Concello e mesmo que o propio alcalde".

Incide en que as traballadoras do SAF "non poden ser moneda de cambio, nin ser utilizadas permanentemente polo Concello como escudo de trifulcas políticas e xogar cos seu salarios no medio doutros impagos de facturas, de non aprobar un orzamento ou doutros actos administrativos".

Por iso, a CIG exixe unha solución definitiva a esta problemática, como sería recuperar a xestión directa deste servizo, xa que ademais de resultar economicamente máis barata para o Concello, remataría dunha vez cos atrasos no pago dos soldos.

Comentarios