Mércores. 08.05.2024
El tiempo

Un roteiro natural para coñecer a Muxía de López Abente

Un roteiro natural para coñecer a Muxía de López Abente
Roteiro Abentiano da Fundacion Lopez Abente A Fundación Gonzalo López Abente, dentro das súas actividades programadas para este verán, organiza para o xoves 9 de agosto o Roteiro Abentiano de Muxía a Touriñán. A saída será ás 10 horas da porta do concello de Muxía. A ruta farase principalmente en autobús, aínda que haberá algún tramo a pé. Todos aqueles que desexen participar deberán inscribirse persoalmente nas oficinas do concello ou a través do teléfono 981742001, ata o día anterior á saída. Actuarán de guías membros da propia Fundación e o percebeiro muxián Toñico Haz. A primeira parada farase na Area de Lourido, para observar esta praia e a formación de dunas que a circundan, o coído fósil da praia da Arliña e o monte Facho, que domina a paisaxe de todo esta contorna. Ademais das explicacións correspondentes a estes espazos naturais, leranse os poemas de López Abente: Pola area de Lourido, N-o Facho e No Facho. O primeiro deles do seu libro Centileo nas ondas e os outros dous incluídos en Escumas da ribeira e D’Outono. A segunda parada será na punta da Buítra, despois de percorrer a pé a pista que atravesa esta península. Aquí aproveitarase para coñecer este tramo de costa brava muxián e ver a entrada da furna da Buserana, a máis espectacular deste litoral. Dous serán os poemas a recitar neste lugar: A Buserana, de Escumas da ribeira e A Arnela, pertencente ao poemario Nemancos. A terceira e última parada terá lugar no cabo Touriñán, a punta máis occidental da España peninsular. Alí, desde distintos miradoiros da costa, observaranse os impoñentes cantís e baixos, para despois rematar ao pé do faro coa lectura do último poema, Touriñán, dedicado a Xesús Quiroga Losada, marqués da Atalaia, quen fora o propietario do pazo de Vilardefrancos de Carballo.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/noelia-gomez-publicara-o-seu-primeiro-libro-tras-vencer-o-v-premio-de-poesia-gonzalo-lopez-abente/

Comentarios