Domingo. 19.05.2024
El tiempo

Un elenco de artistas apoian a II Tarde Solidaria co Pobo Palestino de Muxía

Obras literarias II Tarde Solidaria Palestina Muxia
Obras literarias para II Tarde Solidaria Palestina Muxia
Un elenco de artistas apoian a II Tarde Solidaria co Pobo Palestino de Muxía

Despois do éxito da Tarde Solidaria co Pobo Palestino celebrada o pasado mes de marzo, e que conseguía uns 2.000€ solidarios para destinar a axudar á franxa de Gaza, o BNG de Muxía prepara xa a segunda edición. Unha cita, que se celebrará este venres 10 de maio, que contará co apoio de múltiples autoras e autores galegos, que cederán as súas obras para facer unha nova recadación destinada á UNRWA (Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos). Esta ONG achega a Gaza axuda humanitaria, comida, auga potable e coidados aos millóns de persoas que se atopan recluídas, sen poder saír da zona e sobrevivindo en condicións infrahumanas, indefensas e cercadas por bombardeos que non respectan nin hospitais nin ONGs. 

A Tarde dará comezo ás 19.00 horas coa proxección dun documental sobre a situación en Gaza ao longo dos últimos anos e na actualidade, seguida dunha actuación musical en directo a cargo da cantante Dena, que dará paso á lectura do manifesto de apoio ao pobo palestino.

Durante o acto poderase visitar a exposición e venda de obras de arte doadas por artistas galegos como Alexandro, Xesús Búa, Cari Camarero, Carmen Hermo, Rafa Loureiro, Enma Pedreira, Marcos Rodríguez, Gervasio Sar e YanoYoro e outras de Facal, Virxilio e Xosé Luis de Dios doadas polo galerista Atilano Morandeira. Mentres, terá lugar unha degustación de petiscos árabes elaborados por Rosalía Vilela Gerpe. 

Os asistentes poderán tamén adquirir exemplares de libros de máis de corenta escritoras e escritores galegos achegadas coa colaboración dos membros do Batallón Literario da Costa da Morte, do Ateneo de Pontevedra, da Fundación Araguaney, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), de Airaeditorial e de autores e autoras particulares que doaron obras para este acto.

Os exemplares á venda, entre os que hai poesía, relato, ensaio ou libro infantil, estarán dedicados e asinados polos arredor de cincuenta escritoras e escritores galegos que contribuíron con esta doazón á recadación de fondos para o pobo palestino. 

A organización xa recibiu arestora máis de 120 exemplares asinados por Marilar Alexandre, Gustavo Almeida, Emilio Alonso, Suso Bahamonde, Concha Blanco, María Canosa, Ramón Caride, Final Casalderrey, Amauta Castro, César Cerqueliños, Jorge Campos, Ana Corzo, David Creus, Francisco Fdz. Naval, Miguel Anxo Fernán Vello, Baia Fernández, Xan Fernández, Modesto Fraga, Xosé Iglesias, Ghaleb Jaber, Adrián Morgade, Iria Morgade, Xabier Navaza, Alexandre Nerium, Elisabette Oliveira, María Rei, Xurxo Rguez Baña, Rosalía Rial, Xavier Ríos, Antón Sobral, Xurxo Souto, Domingo Tabullo, Patricia Torrado Queiruga, Xaime Toxo, Xaime Trillo, Charo Valcarcel, Miro Villar, Rafa Villar, e do libro colectivo Intifada. Oferenda dos poetas galegos a Palestina. A lista continúa a medrar, pois arestora seguen a recibirse en Muxía exemplares de escritores que queren facer chegar o seu apoio a esta iniciativa a prol do pobo palestino. 

Máis novas

 

Comentarios