Unha manga mariña sorprende á veciñanza de Muxía
14:04 10/01/18
As 08:00 horas de hoxe rexistrábase unha manga mariña enfrente ao santuario da Virxe da Barca. Imaxe: José Manuel Riveiro
Hoxe o día amenceu con frío e mal tempo, o típico destas destas datas. O que non é tan habitual foi a manga mariña - tamén coñecida como tromba mariña -, da que foron testigos esta mañá os veciños e veciñas de Muxía. O fenómeno rexistrouse sobre as 08:00 horas. Os expertos na materia sinalan que este acontecemento é unha consecuencia do paso dunha borrasca que se manifestou en forma de granizo noutros puntos da Costa da Morte.
José Manuel Riveiro "cazou" o momento a través da cámara fotográfica do seu móbil nas inmediacións do santuario da Virxe da Barca.
Ésta non é a primeira vez que se produce un fenómeno destas características na zona. Precisamente na primavera do 2016 rexistrábase outra tromba mariña en Muxía.
Alerta amarela
A AEMET - Axencia Estatal de Metereoloxía - decretou alerta amarela para hoxe en toda a comunidade galega por ventos que poden superar os 90 km/h.
Árbore caída
O mal tempo provocou, previsiblemente, a caída dunha árbore na estrada que comunica Pasantes con Fumiñeo, na parroquia muxiana de Coucieiro. Os equipos de emerxencias alertaban do incidente aos Bombeiros de Cee sobre as 09:30 horas de hoxe. Ata alí desprazouse un equipo que retirou as polas que bloqueaban parcialmente a pista. A súa intervención consistiu en cortar e retirar as polas, deixando a pista despexada para a circulación de vehículos.
Novas relacionadas
- 13-04-16: A Costa da Morte atisba varias trombas mariñas dende o seu litoral
- 19-04-16: Un furacán no mar de Fisterra?.
- 30-03-16: As chuvias volven provocar numerosas incidencias na comarca.
- 16-02-16: Os vídeos do temporal de mar na Costa da Morte.
- 08-02-16: O temporal de vento deixa paso ao do mar.
- 08-01-16: O primeiro temporal de 2016 en imaxes:
- 30-12-16: O primeiro temporal do inverno deixa fortes refachos de vento e crebas nas praias.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).