Unha reflexión pública sobre o Humanismo entre Plácido Castro e López Abente


Volve a Fundación López Abente á carga con novas propostas culturais. E o fai colaborando para achegar á vila da Barca a XVI Conferencia Anual Plácido Castro, que terña lugar o próximo venres 23 de xaneiro en Muxía, no Salón de Actos do Voluntariado, Edificio do Mercado, a partires das 20:00h da tarde.
A décimo sexta edición da Conferencia Anual Plácido Castro versará este ano sobre a vixencia do humanismo.
Certamente, unha das características da xeración de Plácido Castro del Río (1902-1967) foi o seu saber enciclopédico. A relación de Plácido con Muxía que a Fundación quere reivindicar rememora os días posteriores á guerra civil, cando Plácido foi acollido nesa vila na casa duns familiares mentres, probablemente, a súa familia, procuraba unha saída á súa situación. Naquel tempo membro destacado do Partido Galeguista e integrante do seu cumio directivo, Plácido acabou por ser condenado a quince anos de inhabilitación absoluta e a oito anos e un día de desterro a máis de 100 km de Muxía, ademais de ter que aboar unha multa de 25.000 pts.
A poñente
A conferencia será impartida pola licenciada e doutora en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, África López Souto. O tema da súa tese foi ''O individuo na filosofía de Michel Foucault'' (1999).
Exerceu como profesora de filosofía en varios institutos de bacharelato galegos desde 1990 ata 1996, e posteriormente –en excedencia do ensino- residiu durante seis anos en Bolivia, onde traballou en diferentes ámbitos relacionados coa cooperación para o desenvolvemento.
Actualmente está a traballar de profesora no IES Parga Pondal (Carballo-A Coruña).
Entre as súas obras, cómpre destacar Simone Beauvoir. Baía Pensamento. Baía Edicións, 2008 ou Concepción Arenal. Baía Pensamento. Baía Edicións, 2004. Tamén é autora da revisión filosófica da tradución ao galego do primeiro volume de O segundo sexo, de Simone de Beauvoir.
Novas relacionadas
- Elección Histórica: Plácido Castro.
- Unha Unidade Didáctica para coñecer quen é López Abente na escola.
- Música, flores, escultura, pintura e moita poesía polos 50 anos sen López Abente.
- 50 aniversario do pasamento (I): Homenaxeando ao poeta dende “O meu mar”.
- Daniel Salgado leva o compromiso aos versos gañadores do I Premio de Poesía López Abente.
- Viki Rivadulla estreou entre versos amigos a exposición do seu mar.
- López Abente xa ten a súa partitura.
- Muxía reivindícase como epicentro cultural e rebelde da Costa.
- Muxía recupera a prosa salgada de López Abente.
- O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede.