Venres. 26.04.2024
El tiempo

Homenaxeando ao poeta dende "O meu mar"

Homenaxeando ao poeta dende "O meu mar"
Inauguracion da exposicion O Meu Mar de Viki Rivadulla

Salgados os primeiros actos que a Fundación López Abente artella en conmemoración dos 50 anos da morte do poeta muxián.

Foi un inicio onde tivo un especial protagonismo o poema de López Abente “O meu mar”, a golpe de pintura e escultura, e tamén de música. O primeiro acto foi a inauguración do exposición de pintura e escultura da nosa compañeira Viki Rivadulla, que precisamente leva por título xenérico “O meu mar”, que xa pasou por Carballo e Malpica e que quedou aberta ao público na sala de exposicións do Edificio de Servizos Múltiples.

A exposición abriuna o presidente de Fundación e Alcalde de Muxía Felix Porto, que destacou a importancia para Muxíaa da traballo e a obra plástica que realiza Viki Rivadulla. A continuación falou Xosé Antón Castro, critico de arte e docente na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, que falou de Viki Rivadulla como herdeira de importantes valores internacionais da pintura galega como Maruxa Mallo ou Luís Seoane, e destacou a transcendencia da obra de Viki polo seu valor de referencia da cultura mariñeira e destacando dentro desta o papel da muller do mar, como muller traballadora. Antón Castro sinalou que a obra de Viki é moi representativa da cultura propia non só de Muxía senón de toda a Costa da Morte, e que esta ten na obra de Viki un dos valores iconográficos máis destacados.

Despois interveu Viki Rivadulla e a continuación leron poemas, todos eles con referencia ao mar, un grupo de poetas da Costa da Morte: Miro Villar, Rosalía Fernández Rial, X. H. Rivadulla Corcón e Miguel Mato Fondo, que como remate da inauguración recitaron conxuntamente o poeta que da nome á exposición.

Viki Rivadulla na presentacion da sua exposicion O Meu Mar en Muxia

A partitura feita música

Despois de quedar aberta a exposición tivo lugar, no Salón do Voluntariado, unha importante estrea musical, tamén baseada no poema “O meu mar”, xa que o compositor Miguel Brotóns compuxo unha fermosa peza musical baseada neste poema, que foi interpretada pola soprano Teresa Novoa e o pianista Alejo Amoedo Portela. Ademais desta peza Teresa Novoa interpretou outras pezas, todas elas de compositores e poetas galegos, músicos como José Castro “Chané”, Xoán Montes e poetas como Rosalía de Castro, Manuel Curros Enriquez e incluso do autor Daniel Rodríguez Castelao.

Foi un inicio da celebración dos 50 anos da morte de López Abente cun claro acento lírico, como corresponde para homenaxear a un autor que se ben ten unha importante obra narrativa é fundamentalmente poeta, sendo neste xénero no que especialmente captou o ser máis fondo das xentes mariñeiras da vila de Muxía, onde naceu e morreu no ano de 1963, o 23 de xullo.

Segunda parte

O vindeiro sábado 20 de xullo a Fundación continúa cos actos cunha ofrenda floral, unha conferencia con Miro Villar, a entrega do I Premio de Poesía López Abente e unha actuación musical.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios