Venres. 29.03.2024
El tiempo

Viki Rivadulla: "O legado de Caamaño ten o problema da necesidade de cartos que conleva recuperar todo iso"

Viki Rivadulla: "O legado de Caamaño ten o problema da necesidade de cartos que conleva recuperar todo iso"
Viki Rivadulla e Ramon Caamano na homenaxe de 1986 Viki Rivadulla e Ramon Caamaño na homenaxe de 1986 Temos escoitado as verbas Xan Fernández Carrera e mais a Manuel Vilar, dúas das persoas que mellor coñecen e que máis teñen feito por intentar poñer en valor o legado de Ramón Caamaño. Hoxe queremos facer o propio con outra persoa que viviu dende sempre moi de preto a vida e obra de Caamaño, como é a artista muxiá Viki Rivadulla.
  • QPC: Como foi a túa vinculación con Ramón Caamaño?
O de Caamaño é algo moi preocupante no que persoalmente me sinto implicada e o meu interese creo que está fóra de toda dúbida. Teño moi boa relación con Chete Pose, xenro de Caamaño, dende hai moitos anos e sempre remito a el a toda persoa que me pregunta polo seu sogro. Tamén tiven amizade co propio Caamaño ao que lembro con moito cariño, e tívoa moi grande o meu pai. Chete apréciame moito e eu a el tamén. E admiro o seu traballo e esforzo todos estes anos. Sei tamén da súa soidade, a pesares do interese que temos moitas persoas en que non sexa así. Chete lembra ben que fun a persoa que organizou (xunto cun grupo de amigos e amigas, rapaciños daquela) a primeira homenaxe que se fixo a Caamaño -a el individualmente- no ano 1986. Ata entón Caamaño aínda non fora moi recoñecido.Tan só se lle fixera recoñecemento na Asociación de Fotógrafos na Coruña, no 85, pero nunha homenaxe conxunta con outros fotógrafos. Pero este grupo de rapaciños soubemos ver que el non era só a persoa magnífica que con paixón agardaba cada día na Barca a chegada de viaxeiros para contarlles sobre a súa terra. Soubemos ver o valor que o seu traballo tiña para nós, para toda a Costa da Morte, para Galicia. Placa Casa Museo Ramon Caamano Placa da Casa Museo Ramon Caamaño Pois ben, daquela estaba de alcalde Jesús María Barrientos e alá fun eu con 22 anos que tiña a pedirlle cartos para mercar unha placa para Caamaño e organizar unha homenaxe. Fun eu soa, e daquela non era coma hoxe ir pedir algo para un tema cultural, a cultura directamente non se traballaba. E entrei no despacho ca miña mocidade e ilusión a falar co alcalde, co que non tiña trato ningún, pero tan segura ía de que o que facía era importante… Daquela Jesús María dixo que apoiaba a homenaxe e que asistiría, pero que naquel momento non dispoñía de orzamento para mercar a placa, nin para ningún tipo de actos. Bueno, polo menos dixo que asistiría. E asistiu. A placa, entón, pagarona José Enrique Rivadulla Porta e Flora Conde Fernández, é dicir, meus pais. Pero reza nela “o pobo de Muxía a Ramón Caamaño” porque así queríamos que fora, unha homenaxe de todo o pobo. A placa aínda pode verse no museo da súa casa. Fixemos un xantar no Sirena con quen quixo asistir e homenaxeamos ao noso querido Caamaño. Lembro que a comida cuns deliciosos calamares en tinta custoume o meu marabilloso sombreiro de Panamá que mercara na sombreirería da Rúa do Vilar de Santiago,- a de toda a vida-, porque ao camareiro caiulle a fonte enteiriña sobre el. Logo rematei tinguindoo de negro, pero xa non era o mesmo. Conservo as fotos daquel acto porque teño moito orgullo de ter esa iniciativa naquel momento, sendo tan nova, e de ser eu quen entregara esa placa a Caamaño. Daquel grupo de rapaces nacera a asociación Punta da Buitra que logo tantas cousas fixo en Muxía, hai que agradecer a quen continuou con ela todo ese traballo. Homenaxe a Ramon Caamano en Muxia en agosto 1986 Homenaxe a Ramón Caamaño en Muxía en agosto 1986. Caamaño é o primeiro pola dereita, e Viki Rivadulla a terceira pola dereita
  • QPC: Houbo algunha entidade, entón, que fixese realmente algo importante polo legado de Caamaño?
No Proxecto Buserana escaneei centos de fotos de Caamaño, tentando dalgún xeito facer algo. Tamén dende a Fundación López Abente falamos disto. As tres persoas coas que falastes estiveron –Miro- ou están - Manolo Vilar e Xan- na Fundación, e saben que está recollido en varias actas este asunto de propostas para facer co legado Caamaño. Seino ben porque fun a secretaria da fundación durante seis anos. Agora ben, dende a Fundación non se chegou a día de hoxe a facer tampouco nada. Dende o Concello, para ser honesta, sei que sempre houbo preocupación. Recén entrado Félix Porto á alcaldía se lle puxo a placa na casa, houbo unha homenaxe, e iniciaronse conversas. Eu non podo certificar en onde quedaron as conversas porque non estiven nelas. Pero tamén sei que cando o bipartito da Xunta, o Concello conseguira compromiso de Milagres Lantes que estaba en patrimonio para sacar o legado de Caamaño do esquecemento. Mágoa que naquel intre o bipartito caiu. Dende o Concello de Muxía tamén armaron varios anos o premio Ramón Caamaño para continuar co que facía a Asociación Punta da Buitra e que ao morrer a asociación morriu o premio. E retomou o Concello. Pero o Premio Caamaño que sacou o Concello tamén morriu en 2012 porque estaba mal plantexado. Ao estar na organización del as casas rurais, había algunhas cousas nas bases como o de facer reportaxes fotográficas das casas que non satisfacía aos participantes (así mo fixeron saber as persoas participantes), e a participación era moi pequena. Entón o premio deixouse de convocar. Tamén o Concello muxián acaba de adquirir hai pouco os libros de Caamaño que tiña en fondo a asociación de estudos fotográficos de Sendón, porque desfixeron a asociación. Por todo isto, non podo dicir, con franqueza, que haxa desinterese por parte do Concello de Muxía. Sería faltar á verdade. Xa no 2017 e 2018 estivemos Antón Castro e mais eu reuníndonos para preparar unha mostra de Caamaño que chamara a atención sobre o problema. Non chegamos aínda a facela porque a Antón entretanto xurdíronlle outros traballos urxentes. Pero tiñamos o apoio total do Concello de Muxía. E tamén de Chete que pode corroborarche que me entregou un pendrive cunha morea de fotografías. E díxome que mas daba a min. A outras persoas non se atreve a darllas porque logo andan por aí as fotos pero non poñen a autoría, outro tema vergoñento e indignante do que hai que falar. Pero a cousa quedou parada polos compromisos de Antón.
  • QPC: Credes que tanto Concello de Muxía, como Deputación ou a Xunta deberían facer máis por poñelo en valor?
A min cando me falan de que hai que facer algo co de Caamaño, pregunto dúas cousas: traes cartos ou forma de conseguilos? Vés disposto a arremangarte para currar? Porque o que vale ese legado sabémolo todos. Que hai que facelo e que se non imos perdelo non é necesario que ninguén o diga. O que hai que poñer sobre a mesa é o como. E logo, claro, facelo O legado de Caamaño ten o problema da necesidade de cartos que conleva recuperar todo iso. Primeiro hai que pagarle á familia. Logo hai que contratar un especialista en catalogar, escanear, restaurar o que estea deteriorado. Non vale calquera para facelo. E son meses e meses de traballo que hai que costear. Logo viría a segunda parte de ter un lugar axeitado para por todo isto e ter cando menos unha mostra de cara ao público na súa vila natal. Ademais dun arquivo dixital que puidera consultarse. E grazas ao traballo que fixo o grande de Chete, que escaneou como puido todo o que escaneou!!! A el temos que agradecerlle que non se perderan moitas cousas!!! Eu para Chete só podo ter boas palabras, porque é quen está gardando todo isto e quen ven ata Muxía cada vez que o chaman para que abra a casa.
  • QPC: Que vías vés de recuperación nun futuro próximo? Tes esperanza?
É certo que desespera ver que entre tanto o tempo pasa. Eu ben creo que se tiña que ter feito tamén unha Fundación Caamaño, igual que fixemos a de López Abente. E algo xa se ten falado por aí. Pero unha fundación require moito esforzo e apoios para sacala adiante. Hai que facelo (arremangarse como digo eu). A min o de Caamaño entristéceme moito, como me entristecía o das pinturas de Moraime, e segue a entristecerme Moraime, a reitoral da Barca, e a de Moreira, o legado de Tachibana, a destrozada Fonte da Pel, ou o esmorecemento dos secadoiros de congro. (Eu mesma teño o arquivo histórico do meu pai en caixas na casa, e sei que non é doado atopar forma de xestionar isto). Como me entristecen tantas cousas. Hai que conseguir cambialo. Ás veces hai traballo na sombra que non se ve, e hai xente loitando para conseguir as cousas. Logo cando escoitas falar de desinterese doe un pouquiño, porque esa non é a palabra axeitada. Pero ben é certo que sexa como sexa e mentres nos lamentamos, todos, familia, administración e seguidores da súa arte, o legado de Caamaño cada día morre un pouquiño máis. En todo caso, sei que nestes meses hai novas conversas, promovidas por Xan Fernández Carrera, entre familia e Concello, para facer algo semellante ao que se fixo con Vidal en Laxe. Agardo que desta se chegue a bo porto.  

Novas relacionadas

“Quen asume a necesaria responsabilidade de recuperar o fondo de Ramón Caamaño?” — Que pasa na costa

Máis novas

 

Comentarios