Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Dúas historias distintas para Calvo e Conservas

Dúas historias distintas para Calvo e Conservas

Dous partidos sen historia, na 10ª xornada da 1ª División Estatal na que compiten os clubes do Balonmán Camariñas e Calvo Xiria carballés.
O Calvo Xiria mallaba no penúltimo clasificado facendo un favor aos camariñáns, que non podían sumar ante o 6 clasificado. A vitoria carballesa déixaos na 5ª praza con 12 puntos, a 4 do líder o Inzamac Zamora. Pola súa o Conservas, tralo mal partido realizado en Pontevedra, segue 12º con 6 puntos, só por diante de SAR e Las Cinco Jotas.

Crónicas da 1ª División Estatal

Cisne Pontevedra - Balonmán Camariñas (40-27)

  • Balonmán Camariñas: Cristian (p), Víctor (p), Fari (1), Fabián, Felipe (4), Damián, Borja (8), Moncho (4), Salva (1), Catalán (9), José Ramón, Xabi, Antelo.

Un partido sen historia para o Camariñas, que empezou durmido, e en 6 minutos xa perdía 8 - 1, pero o decoro camariñán puido coa adversidade e conseguiu un meritorio empate a 13 no minuto 20:44, facendo enmudecer ao pavillón do Centro de Tecnificación Deportiva.
Un tempo morto solicitado por Milucho axudou a que os locais volvesen mandar no marcador con vantaxes de ata 5 goles que facían xustiza ao mellor xogo pontevedrés, pero a partir do minuto 38 unha serie de desafortunadas ccións arbitrais terminaron por sacar ao Camariñas do partido. Un cartón vermello directa a Fabián, aínda hoxe nin el sabe por que lla sacaron, todos pensamos que se equivocaron as colexiadas, para logo como querendo emendar o erro deron un recital de pito que para desesperación do banco visitante foi quitando ao Camariñas do partido. Xogou mellor o Cisne, pero non mereceu unha vitoria tan ampla nun partido roto pola acumulación de erros arbitrais.

SAR Plasticum OMNIUM - Calvo Xiria (16-39)

  • Calvo Xiria 39 (19+20): Iago[p], Pablo (13, 5 de sete metros), Alex García (2), Jesús (3), Manuel (1), David (6), Dubra (4) -equipo inicial- Kike[p], Naya [p], Ángel (3), Miguel (1), Alex Zas (3), Ramón, Sergio (3).

Partido no que se enfrontaban o Sar Plastic Omnium e o Calvo Xiria correspondente á 10ª xornada da liga de 1ª Estatal e que se xogou na Bombonera de Redondela, no que os carballeses colleitaron dous puntos logo dun partido sen historia dende o minuto vinte. O marcador no descanso: 8-19 favorable ao conxunto carballés.

Durou a resistencia da SAR os primeiros quince minutos, o que tardaron os xogadores do Calvo en axustar a defensa sobre os xogadores redondelanos. Logo dunha serie consecutiva de defensas e contras dos carballeses levaron o marcador a un resultado momentáneo de 6 a 13, nese intre o adestrador do equipo local solicitou tempo morto, pero nada cambiaría no transcorrer do partido e a diferenza non faría máis que medrar ata os once goles cos que se ía de vantaxe para o vestiario o Calvo.

So quedaba por ver que pasaría na reanudación, ¿sería capaz o SAR de atopar novos folgos e tratar de levantar un partido moi costa arriba, ou pola contra o Xiria seguiría dominando o ritmo de xogo e o resultado? Bastaron cinco minutos para desvelar a resposta, non era o día para o conxunto de Redondela, ao que nada lle saía nin en ataque nin en defensa. Pola contra o Calvo seguiu centrado para evitar unha desagradable sorpresa logo do parcial dos primeiros trinta minutos. Sen variar un ápice o seu guión de xogo logrou unha vitoria por unha amplísima diferenza que o sitúa quinto na táboa clasificatoria.

Vindeira xornada

O vindeiro sábado no pavillón O Areal de Camariñas, o Conservas recibe ao Cafés Toscaf de Avilés, partido moi importante para as aspiracións de ambos.
Ademais o seguinte partido dos carballeses será no Vila de Noia ante o potente ULE Ademar, terceiro clasificado a un so punto do líder, o sábado 03 de decembro ás 18:30 horas.

Máis información

Crónicas 2011/2012

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Notas de prensa do Balonmán Camariñas e do Calvo Xiria.

Comentarios