Os infantís do ACB Costa da Morte non queren rematar a temporada e avanzan na Copa
Non queren pechar xa a temporada o equipo Infantil do ACB Costa da Morte. Inmersos na Copa, xa no formato "win or go home", os de Manuel Vázquez sumaron unha fantástica vitoria contra o CB Arteixo. Foi tras unha prórroga, acabando con 75-64 e meténdose nas semis.
Comezaba o partido cos locais sufrindo os típicos nervios dun partido así e tras varios erros en ataque en defensa, o seu adestrador, Manuel Vázquez, víase obrigado a pedir tempo morto (2-9 min. 4). A partir de aí, chegaron os mellores minutos dos locais na cancha de toda a temporada, cun xogo coral e unha defensa férrea conseguiron chegar ao final do primeiro cuarto con ventaxa (21-13 min. 10).
No segundo cuarto reaccionaron os visitantes e levaban o partido igualado aos vestiarios, pero xa con moitos xogadores cargados de faltas (27-27 min. 20).
A segunda parte foi todo un intercambio de golpes de dous equipos xa totalmente entregados a potenciar os seus puntos fortes. Os locais, a defensa e o xogo interior e os visitantes, a súa velocidade e aproveitar os erros na saída de presión dos costeiros.
Chegábase así a un final igualado e emocionante, pero uns malos minutos dos locais levou aos de Arteixo a ter a súa máxima diferenza do partido (55-62 min. 36). Aí foi cando varios dos seus xogadores foron quedando eliminados por faltas e, ante a ausencia de recambios desde o banco, tiveron que xogar os últimos tres minutos con só 3 xogadores na pista. Os locais aproveitaron a ventaxa e, pese aos nervios e os erros no tiro, conseguían levar o partido á prórroga (63-63 min.40).
A prórroga parecía que podía favorecer aos locais, pero seguían acusando os nervios da situación e os de Arteixo chegaron a poñerse por diante no marcador con un tiro libre, pero nese momento chegaron dúas triplas consecutivas e boas decisións defensivas para liderar un parcial de 12-0 que lles deu tranquilidade para afrontar o último minuto do partido.
Nas semifinais se enfrontarán ao CB Cambre na tarde do sábado, no pavillón Sofía Toro de Cambre ás 16:30, por un posto na final de copa do domingo pola tarde na Coruña fronte ao gañador do CB Laracha - CB Montrove.



