martes. 07.04.2026
El tiempo

Os SAL e SYSCA confirman a súa posición de privilexio tamén a nivel estatal

SAL Laracha+ no Campionato de Espana de Salvamento e Socorrismo
Expedición do SAL Laracha no Campionato de España
Os SAL e SYSCA confirman a súa posición de privilexio tamén a nivel estatal

Xa levamos todo o curso comprobando que temos dous clubs no máis alto do nivel galego. Pero esta fin de semana tanto o club SYSCA como o club SAL demostraron estar entre os mellores tamén a nivel estatal. Foi no Campionato de España Infantil e Cadete celebrado na piscina municipal cuberta de Bétera, en Valencia, onde tanto carballeses como laracheses acadaron posicións espectaculares.

A competición, organizada pola Real Federación Española de Salvamento y Socorrismo, reuniu a 293 socorristas de 36 clubs de toda España, confirmando o elevado nivel competitivo desta cita nacional.

9 atletas do Club Sysca

Infantis e Cadetes do SYSCA no Campionato de España
Infantis e Cadetes do SYSCA no Campionato de España

Belén Puñal, Ada Quintela, Nicolás Cerviño e Jaime Buño na categoría infantil, e Clara Tasende, Laura Rodríguez, Teo Periscal, Leo Vega e Rodrigo Barca na categoría cadete, acompañados polo seu adestrador, Diego López, representaron ao equipo carballés no evento nacional. En ambas as categorías, o Sysca rematou 14º na clasificación xeral, todo un fito.

A nivel individual, varios socorristas remataron entre os dez primeiros en varias das probas. Este foi o caso de Jaime Buño, que rematou sexto no remolque de maniquí de 50 metros infantil. Na mesma categoría, Nicolás Cerviño foi oitavo nos 100 metros de remolque de maniquí con aletas e noveno nos 100 metros de rescate, mentres que Belén Puñal rematou décima nos 100 metros de remolque de maniquí con aletas. En canto aos cadetes, Clara Tasende e Rodrigo Barca remataron sétimos nos 100 metros de remolque de maniquí con aletas. O resultado máis destacado por equipos foi o sexto posto no relevo mixto de 4x50 metros de rescate, acadado en ambas as categorías. Mentres tanto, o relevo cadete masculino tamén rematou oitavo no relevo de 4x50 metros con obstáculos e noveno no relevo de 4x50 metros estilos.

Para estes atletas que viaxaron á Comunidade Valenciana, esta competición marcou a última da tempada de piscina, polo que agora comezarán a adestrar para os campionatos de praia. En canto ao club en xeral, Sysca aínda ten por diante os Campionatos de España de Piscina Xuvenil, Júnior e Sénior, que se celebrarán en Castelló da Plana do venres 17 de abril ao domingo 19 de abril.

O SAL, ao podio

SAL Laracha OURO RELEVO CON ALETAS 4X50
As infantís no máis alto do podio

Tamén se consolidou o Club Salvamento Acuático Laracha como un dos clubs referentes do salvamento deportivo a nivel estatal. Un dos grandes fitos do campionato foi a actuación do equipo infantil feminino larachés, formado por Carmen Domínguez Fariña, Jimena Viturro Domato, Julia Bolón Collazo e Sabela Paulos García, que asinou unha actuación brillante e situouse entre os mellores equipos de España, subindo ao máis alto do podio como Campioas de España en 4x50 m natación con aletas (Infantil Feminino).

Pero é que tamén sumaron dúas Medallas de bronce: en 4x50 m relevo combinado (Infantil Feminino) e da man Hugo Ferreño Varela, en 100 m remolque de maniquí con aletas (Cadete).

O equipo bateu ademais dous records galegos vixentes dende máis de 10 anos.

Máis novas

Comentarios